Uncharted 4 coidará os seus modos multi-xogador

luns, 2 de maio do 2016 Marcus Fernández

A unha semana para o lanzamento de Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón, xogo para o que boa parte dos posuidores dunha PlayStation 4 teñen botado o ollo, dan algúns detalles dos seus modos multi-xogador para que os potenciais compradores saiban que terán moito contido que irá máis aló da súa campaña para un xogador, de xeito que garantirá moitas horas de lecer.
Por unha banda destacan que os futuros mapas e modos estarán incluídos en Uncharted 4 sen custo adicional, evitando así que a comunidade multi-xogador estea fragmentada por diferentes tipos de DLC como acontece con outros títulos, confirmando un compromiso de Naughty Dog por manter unha comunidade multi-xogador coidada, na que promoverán un xogo imparcial, unha experiencia que vaia enriquecéndose co tempo, contidos descargables accesibles a todos (poden desbloquearse todos os contidos xogando) e con mapas e modos que estarán dispoñibles para todos os xogadores ao mesmo tempo.
Os modos multi-xogador xa teñen establecido un itinerario, con fases que irán desenvolvéndose dende este verán até a primavera de 2017, aínda que boa parte dos contidos xa estarán dispoñibles no lanzamento do xogo. Confirman que poderemos gozar dos modos Ranked Team Deathmatch, Command (no que haberá que capturar lugares de mando), Team Deathmatch, Plunder (saqueo), Warm Up Playlist (modo pensado para comprender as mecánicas multi-xogador antes de unirse á loita) e Trials (con partidas pseudo-competitivas contra personaxes non xogables).

PUBLICIDADE