Un proxecto galego faise co I premio do Startup Weekend Ellas 2.0

mércores, 8 de xuño do 2011 Raquel Noya

A pasada fin de semana celebrouse en Madrid, a segunda edición dun evento internacional que tenta darlle pulo ao emprendemento feminino, e que promove a creación de empresas de base tecnolóxica en máis de 70 cidades de todo o mundo.
Non foi outro que o Startup Weekend Ellas 2.0, que durante 54 horas seguidas, serviu de punto de encontro para emprendedoras e empresarias de todo o Estado, interesadas en crear novas empresas tecnolóxicas a partir de ideas innovadoras.
O evento, celebrado en Madrid On Rails, contou coa participación activa de 85 profesionais de distintas disciplinas, entre as que destacaron a tecnoloxía, o marketing, a empresa ou a programación, entre outros eidos.
Das 33 ideas de negocio presentadas polos participantes na primeira xornada, tan só se puideron desenvolver 10, que foron expostas o domingo perante as mesas de investidores, resultando gañador o proxecto de orixe galega, Pinche Toys.
Por ser este, en palabras dos membros do xurado, «o que tiña mellor entrada no seu mercado e por ser o de maior valor diferencial», será o que goce dun ano de balde nun viveiro de empresas do Concello de Madrid, onde o seu promotor, Juan Ignacio Bagnato, da Coruña, xunto co seu equipo, terán a oportunidade de perfeccionar a idea e convertela nun negocio rendible.
As 10 ideas de negocio desenvolvidas no tempo dispoñible (a fin de semana), son as que seguen: Pinche Toys, xoguetes USB para o mundo virtual e real dos nenos; Apárkalo, aplicación móbil que permite coñecer as prazas de parking que están dispoñibles nunha cidade calquera; Suscriptia, plataforma para tendas online que permite vender produtos mediante sistema de suscrición; Zoomry, aplicación que xera unha representación visual da actividade de Twitter nun evento dado; Join Join, aplicación móbil que permite coñecer a outros profesionais que participan nun evento para facer networking; Cinco lunas, plataforma web que permite comprar os produtos que hai na habitación dun hotel; My eco way, directorio web que aglutina tódolos produtos ecolóxicos con servizo e-commerce; Go Pointz, programa de fidelización por puntos a través de terminais móbiles; Shake your art, programa que permite unificar todo o contido que teñen os artistas en distintas redes sociais nunha mesma web e Tapeamos, unha ferramenta que permite descubrir os mellores sitios para ir de tapas nos arredores de onde se atopa o usuario.

PUBLICIDADE