Un novo libro advirte das posíbeis eivas nas relacións de parella dos nativos dixitais

martes, 5 de maio do 2015 Redacción

O panorama de estudos sobre a influencia das redes nas nosas vidas segue a medrar, e algúns co interese extra de estar centrados nas persoas que non viviron outra experiencia que a experiencia TIC. A pedagoga e escritora Nora Rodríguez vén de lanzar, precisamente, un ensaio sobre a Rede e as TIC e de como estas inflúen nas relacións de parella da mocidade dos nosos días. Falamos de O novo ideal de amor en adolescentes dixitais, lanzado pola editorial Desclée De Brouwer. Rodríguez, que leva anos estudando estas interrelacións, convídanos no seu libro a visualizar unha realidade que é incontestábel: a lingua materna dos adolescentes non é outra xa que a contorna TIC.
Segundo explica, “os nativos dixitais desenvolveron a súa aprendizaxe nela e esta nova realidade dixital está transformado profundamente o seu tránsito cara ao mundo adulto”.
A pedagoga Nora Rodríguez explorou máis especificamente un dos eidos nos que se están a producir os cambios máis radicais: o espazo afectivo dos adolescentes. Froito dese traballo xorde esta obra, que tamén xurdiu indirectamente da experiencia (unha experiencia previa) da autora con nenos conflitivos en condicións de marxinalidade. “Internet e as novas tecnoloxías da comunicación” recalca, “foron quen de transmutar o ideal do amor e o escenario das primeiras relacións de parella, polo tanto o amor é unha parte da mercadotecnia desa contorna, onde se contempla como unha mercadoría, que se debe acadar rápido, gozar rápido e posuír rápido porque, pola contra, esvaécese e extravíase entre un terminal e outro”, explica a escritora, que tamén sinala que estes cambios non só teñen influencia sobre a forma externa de relacionárense os adolescentes, senón sobre o mesmo fondo do amor, que pode resultar “frío en sen compromiso”, doado de converterse nun control de tipo obsesivo, dentro e fóra do mundo dixital.
A escritora tamén advirte “sobre as formas sutís dun novo machismo que se coa entre as novas masculinidades, un comportamento que enmascara as arelas de poder e control cunha feitura de amabilidade e cun discurso de igualdade de xénero, aprendido pero en ningún caso asumido”.
O novo ideal do amor nos adolescentes dixitais é un libro para pais e educadores, e segundo lembra a experta en redes sociais e mocidade, “tamén para adolescentes (a partir dos 17 anos); un libro para axudarlles a desenvolver unhas relacións de amor positivas e intelixentes”.

PUBLICIDADE