Un libro recolle a historia do ZX Spectrum

martes, 25 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Entre as novidades de Dolmen Editorial do mes de outubro destaca un libro colaborativo de 224 páxinas a toda cor, El Mundo del Spectrum, que fai unha viaxe ao mundo da microinformática e os videoxogos dos anos 80 que contou cunha figura especialmente destacable: o ordenador Sinclair ZX Spectrum.
Este ordenador de orixe británica supuxo unha revolución que se fixo notar moito en España, un dos países nos que tivo máis éxito, dando pé á chamada Idade de Ouro do Software Español. O Spectrum destacaba por ser un ordenador o suficientemente accesible en prezo (especialmente despois da baixada que experimentou en 1987) de xeito que chegou a millóns de fogares, que introducíronse así na informática persoal, principalmente de xeito lúdico e para facer memoria desta época Manuel J. Rico Borrego, Jesús Martínez del Vas, Alejandro Ibáñez Muñoz, Javier Ortiz Carrasco, Juan F. Torres Chica e David Saavedra Peña xuntaron forzas para repasar nun volume de coidado deseño retro elementos que marcaron unha época como as revistas Microhobby e Micromanía, o emprendedor Sir Clive Sinclair, ilustradores como Alfonso Azpiri e Ponce, compañías como Dinamic e ERBE, xogos como Robocop, Sir Fred e La Abadía del Crimen e incluso o rol que xogou Investrónica no mercado do Spectrum.
O prezo deste libro moi recomendable para nostálxicos é de 23,90 euros e dende finais da pasada semana está dispoñible en numerosas librarías e puntos de distribución de todo o Estado.

O libro fai un repaso do mundo do ZX Spectrum cun deseño moi coidado que convida a lembrar a revolución que este pequeno ordenador supuxo na década dos 80

Vídeo promocional do libro El Mundo del Spectrum

PUBLICIDADE