Un investigador galego plántalle cara ao correo lixo

mércores, 25 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Na actualidade, o spam supón o 71% do tráfico xerado polo correo electrónico en todo o mundo, unha cifra que se reduce ao 19 % se falamos do correo lixo que finalmente lle escapa aos filtros antispam e chega ás nosas bandexas de entrada sen que poidamos facer nada por evitalo.
Estas elevadas cifras débense en gran medida ao baixo custe dos envíos por correo electrónico, así como ao posible anonimato e a velocidade coa que se chega a milleiros de destinatarios, características que fan desta actividade delictiva, unha das favoritas dos amigos do alleo na Rede.
É por iso que son moitos os investigadores que dedican o seu tempo e esforzos a tratar de acabar con estes envíos masivos de correo lixo en Internet, entre eles o galego David Ruano, investigador do SING Group da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, que traballa no desenvolvemento dunha ferramenta de filtrado de correos lixo que leva por nome Wirebrush4SPAM.
Este enxeñeiro, que a mediados do mes de decembro gañou o 11º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos de Expourense con este proxecto, pretende mellorar os actuais programas antispam do mercado, para que “entidades e usuarios dispoñan de ferramentas de comunicación electrónicas máis eficientes e seguras”.
Así o explica Ruano na web do DUVI, onde se engade que esta idea de construír un novo middleware e framework para a execución, desenvolvemento e despregue de filtros antispam para correo e outros medios de comunicación electrónicos xurdiu no SING Group, e que no proxecto colaboran Ultreia Comunicaciones, Redegal e OpenHost.
Ruano iniciou o seu proxecto a partir dun estudo minucioso da plataforma SpamAssassin, “referente neste eido”, asegura, e tratando de identificar as súas deficiencias xurdiu a idea de Wirebrush4SPAM, un proxecto de software libre que nace da modificación de software xa existente e da aplicación nel de novas técnicas de I+D+i.
Como versión mellorada, a proposta de Ruano, gañadora do galardón de Expourense, é capaz de clasificar 150 mensaxes en menos de sete segundos, “fronte aos máis de 2 minutos que precisa SpamAssassin para facer exactamente o mesmoW”, asegura.
Ruano, que afirma que a súa ferramenta “pode ser ata 10 veces máis rápida que SpamAssassin”, agarda presentar o vindeiro ano a súa tese de doutoramento, na que desenvolverá un modelo para a optimización da execución de filtros de contidos antispam, a partir da que será a evolución do Wirebrush4SPAM.

PUBLICIDADE