Un investigador de Gradiant impulsa un sistema para identificar sen erro as mensaxes dos bots
luns, 21 de xullo do 2014
O centro tecnolóxico
Gradiant deu a coñecer o nome dun dos proxectos gañadores da
convocatoria interna de ideas GradiAnticípate
2014, un certame que en abril deste ano xa acubillaba 34
ideas innovadoras presentadas e que como lembraremos diríxese a
incentivar, recoñecer e visualizar en detalle a rica veta de
creatividade e espírito de innovación que acubillan os propios
investigadores de Gradiant. En definitiva, trátase dun concurso para
xente de casa destinado en última instancia a impulsar un pouco máis
a nosa terra cara a excelencia tecnolóxica. Precisamente
o proxecto DamIt é unha destas ideas. Segundo deu a coñecer
Gradiant, diríxese a identificar de forma fiábel e precisa as
mensaxes procedentes de contas controladas por bots nas redes.
Polo tanto, a nivel
xenérico DamIt encamíñase a achegarnos máis e mellores maneiras
de concorrer no comercio electrónico, tanto se somos compradores
coma se somos vendedores (ou ámbalas cousas), ao tempo que se poñen
en xogo recursos para permitir análises e informes máis fiábeis
sobre mercadotecnia en liña, hoxe en día moi “comprometidos pola
existencia de contas artificiais, orixinadas por programas
informáticos chamados bots que publican sen intervención
humana contidos lixo de forma masiva”, informa Gradiant, que tamén
engade que os devanditos programas deixan importantes pegadas nos
datos que recollamos da Rede, “facendo arriscada a elaboración
dunha estratexia baseada neses datos, e máis perigosa aínda a toma
de decisións”. A isto cómpre engadir a inexistencia dunha
ferramenta de certo útil que sexan quen de distinguir cun cen por
cen de acerto entre as mensaxes que veñen de persoas reais e contas
lexítimas das que non.
DamIt traballa
precisamente no anterior punto. Emprega solucións de Data Mining,
Big Data, Minería de Textos e Social Mining, e como
dixemos é un dos proxectos gañadores da convocatoria interna de
ideas GradiAnticípate 2014. O seu responsábel é o enxeñeiro
Arnaud Quirin, investigador de Gradiant adscrito ademais ao Proxecto
LIFTGATE. DamIt, sinala Arnaud, podería chegar a ser para a
mercadotecnia dixital o mesmo que a peneira para os buscadores de
ouro: “Permitirá separar as mensaxes dos usuarios reais, é dicir,
os nosos auténticos públicos obxectivo, dos xerados automaticamente
por bots de forma ilexítima, con todo o que iso supón para garantir
a autenticidade dos informes que nos ofrecen as ferramentas de
análises de redes sociais”.