Un falso chío forza o desmentido do pasamento de Vargas Llosa

martes, 3 de maio do 2016 Marcus Fernández

Hoxe, Día Mundial da Liberdade de Prensa, aparece en Twitter a nova do pasamento do escritor Mario Vargas Llosa, supostamente a causa dun infarto, e a información comezou a circular con certa intensidade, de xeito que a propia editorial Alfaguara tivo que saír á palestra para comunicar que se trata dun bulo, xa que a conta de usuario @NewsAlfaguara non é a oficial da editora, senón que trátase dunha conta de usuario creada só 20 minutos antes de publicar a falsidade.

Debenedetti foi o responsable dun troleo en Twitter ao presidente do Goberno

Estamos ante un experimento máis do polémico xornalista italiano Tommasso Debenedetti, quen hai pouco xa fixera das súas coa conta @OfficialMVL, dende a que suplantou a Vargas Llosa convertendo en viral unha resposta a unha felicitación do presidente Mariano Rajoy polo seu 80º aniversario ao único Premio Nobel español vivo (ao que a falsa conta de Twitter matizaba que o escritor era peruano, obviando que tamén ten a nacionalidade española).
Tommasso Debenedetti leva publicando informacións inventadas dende o ano 2000, cando vendeu unha entrevista imaxinaria a Gore Vidal, á que seguiron ducias de entrevistas falsas que numerosos xornais italianos recolleron nas súas páxinas sen ningún tipo de verificación, o que o xornalista decidiu converter en toda unha cruzada.
A Debenedetti tamén se lle atribúe unha fotografía falsa de Hugo Chávez, que logrou distribuír a través de distintas canles até chegar a figurar na portada da edición internacional do diario El País en xaneiro de 2013, cando realmente era unha captura dun vídeo subido a YouTube en 2008, no que o paciente non era o daquela presidente venezolano.

Tommasso Debenedetti logrou que unha das súas invencións chegase a ocupar a portada do diario El País durante varias horas

PUBLICIDADE