Un evento en Pontevedra afondará no impacto das redes sociais no mundo da comunicación

luns, 18 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Xabier Rolán, Daniel Martí, Mónica Valderrama e Pedro Vázquez son os organizadores desta actividade

O vindeiro día 25 o Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación organiza a segunda edición do seu Social Media Day, que podemos ver como o principal acto en Galicia para celebrar o Social Media Day. Este evento, atendendo á esencia do medio, estará aberto á participación da Rede a través do cancelo #SMDayFCSC, podendo os interesados seguir o encontro tamén en remoto, valéndose da retransmisión de uVigo-TV e do programa de radio en liña El Escaparate, que retransmitirase a través da Radio CampUSCulturae.
O encontro quere afondar na incidencia das redes sociais nos novos medios dixitais, o turismo, as estratexias de comunicación empresarial e a propia influencia persoal, para o que xuntarán a 15 expertos e profesionais deste ámbito para achegarse “ás redes sociais dende o punto de vista académico”, segundo comenta Xabier Rolán, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que é un dos organizadores do evento xunto cos profesores Daniel Martí e Mónica Valderrama, e o alumno Pedro Vázquez.
O Social Media Day estruturarase en catro mesas de debate, dirixidas a afondar no papel das redes sociais dende diferentes ópticas, arrincando ás 10:00 horas cun coloquio centrado na converxencia das redes sociais con aqueles novos medios de comunicación dixitais, moderado por Xabier Rolán e no que participarán Marcos Pérez Pena (Praza Pública), Alejandro Espiño (Pontevedra Viva) e Marcus Fernández (Código Cero).
Ás 12:00 horas abordarase a influencia das redes sociais no mundo do turismo nun coloquio no que as blogueiras Marta Valcarce e Minia del Río estarán moderadas polo alumno Pedro Vázquez.
Xa pola tarde, ás 16:00 horas, Daniel Martí moderará unha mesa na que os profesionais do social media Iago Fernández e Laura Vázquez, xunto co emprendedor José Alcañiz, porán acento na importancia de desenvolver unha correcta estratexia de comunicación nas redes sociais.
Pechará a xornada co coloquio que botará a andar ás 18:00 horas, e no que entrará en xogo o rol dos influencers, persoas que teñen unha grande reputación en redes sociais, centrándose especialmente no caso de Instagram, para o que a profesora Mónica Valderrama conducirá a tres usuarios con grande actividade en Instagram: Oliver Vegas, Cristina Costa e Alberto Fontaíña.

PUBLICIDADE