Un dos mandos de Street Fighter IV padece artrose

martes, 17 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O impresionante mando arcade de Mad Catz dispoñible polo momento só fóra de España para a PlayStation 3 e a Xbox 360 coa imaxe do xogo Street Fighter IV podería ter un defecto de fabricación que algúns comparan coa artrose humana, que consiste en que o corpo do mando queda atrapado nunha das diagonais en vez de volver á súa posición orixinal cando se solta, fallo que están a reportar moitos usuarios deste accesorio.
Nun principio este mando tardaría varias semanas en chegar ás tendas españolas, e distintas informacións apuntan a que podería demorarse o seu lanzamento en moitos países europeos, aínda que os usuarios que queiran facerse cun de importación deberían ter en conta a posibilidade de recibir un dispositivo defectuoso (que segundo diversos foros pode arranxarse con Super Glue 3, xa que o fallo detectado correspondería a unha mala fixación dun compoñente interno).

PUBLICIDADE