Un Documento Galego de Identidade para celebrar o 25 de xullo

luns, 25 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Como xa comentamos a semana pasada, a partires de hoxe e até o 7 de agosto os dominios .gal celebrarán o Día de Galicia cunha promoción á que están acollidos os axentes rexistradores 101Domain, Arsys, CDmon, Dinahosting, DonDominio, Host Europe e OVH, e que permite o rexistro de dominios co sufixo galego por prezos que van entre os 19 e os 20 euros + IVE, o que supón un interesante aforro, e animará así a particulares, empresas e outras institucións a dar o paso para facerse cun nome de dominio da Internet que reflicta a súa galeguidade ou que destaque que a páxina web en concreto vai dirixida ao público galego.
Pero a Asociación PuntoGal non quixo limitarse a celebrar a data de hoxe cunha promoción, senón que tamén principiou unha orixinal iniciativa que consiste na xeración a través dun formulario da súa páxina web dun Documento de Galego de Identidade (DGI), que vén a ser unha especie de carné virtual destinado a que os usuarios de dominios .gal o compartan nas súas redes sociais, para así reivindicar a condición de galegos á vez que se promociona o uso do dominio .gal.

PUBLICIDADE