UVigoTV supera o millón de vídeos vistos
luns 8 de novembro do 2010, por |
Se ben foron moitas as canles de televisión
que se aproveitaron da chegada da Rede 2.0 ao noso país para subir os seus
contidos a Internet (acadando un novo nicho de audiencia), as universidades non
quedaron atrás, e tamén viron nesta ferramenta unha serie de vantaxes que non
deixarían de aproveitar para facer mella nos seus estudantes, caracterizados
cada vez máis polo seu consumo case exclusivo de material audiovisual.
De feito, tan boa foi a acollida da canle
de televisión da Universidade de Vigo ao longo do pasado curso académico, que superou
os 1,1 millóns de vídeos vistos, entre clases gravadas, relatorios e outros
eventos que había a súa total disposición.
A comunidade de estudantes demandaba a
gritos este tipo de ferramentas en liña e malia que agora “a discusión está en se é interesante ou non a nivel docente”, o
certo é que a boa acollida que ten é mostra de que realmente se pode aproveitar
para uso lectivo sen barreira algunha.
Polo momento, os responsables desta
televisión en liña gravan unhas 500 horas ao ano e xa teñen máis de 4500 vídeos
almacenados en PuMuKIT, unha plataforma deseñada e liberada pola Universidade
de Vigo que permite automatizar o proceso de publicación vía Internet de
contidos audiovisuais a través de canles como YouTube.
Precisamente aí radica o interese desta
ferramenta posto que ter os contidos catalogados na casa “é fundamental”, segundo Vicente Goyanes, coordinador de Servizos
Multimedia da Universidade, “para poder
extraelos de maneira mecanizada sen problema algún”.
A chegada da Universidade ao mundo de
Apple (a primeira de fala hispana que participa no sistema) tampouco foi nada
mal. Non levan nin un ano e xa houbo preto de 100.000 descargas a través de iTunesU, a metade delas desde Estados
Unidos.
Agora xa están na elite participando con
máis de 600 universidades, algunhas tan importantes como Oxford, Cambridge,
Yale ou Berkeley.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com


















