Twitter fai máis doado atopar contas de usuario que poidan resultar do noso interese

mércores, 4 de maio do 2016 Marcus Fernández

As aplicacións móbiles de Twitter veñen de renovarse en iOS e Android para estrear unha nova pestana chamada Conecta (representada pola icona dun busto xunto ao símbolo máis) e que resulta de especial interese para os novos usuarios desta plataforma social, xa que achega recomendacións contas de Twitter ás que seguir.
Deste xeito, recóllense nun único sitio unha serie de contas de Twitter de persoas coas que compartimos intereses, de amigos e familiares ou incluso de políticos e equipos de fútbol, para o que Twitter analiza as contas ás que seguimos, as contas máis populares na nosa rexión, o que acontece no mundo a cada momento e os chíos cos que interactuamos, de xeito que este sistema de recomendacións irá progresando paulatinamente. Dado que a aplicación pode acceder aos contactos que temos no móbil, tamén avisará cando algún dos nosos contactos cree unha conta de Twitter, para poder así darlle a benvida.

PUBLICIDADE