Twitter facilita o seguimento de conversas na web e en móbiles

mércores, 28 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Twitter actualizou hoxe tanto a súa aplicación para iPhone como a de Android, así como o xeito de operar Twitter.com, para facer máis doado descubrir e seguir conversas da nova cronoloxía, especialmente cando atopamos discusións sobre asuntos de actualidade, onde resulta moi complicado seguir o fío das conversas, o que veñen de arranxar facendo que os chíos poidan organizarse agora dentro de conversas que se amosan en orde cronolóxica.
Deste xeito, cando na nosa cronoloxía vexamos unha secuencia de tres chíos e queiramos consultar a conversa completa, incluíndo as respostas de usuarios que non seguimos, só teremos que picar sobre os chíos para ampliar tal conversa.
Esta funcionalidade tamén pode resultar útil para compartir conversas a través de correo electrónico, con independencia a que os nosos amigos sexan usuarios de Twitter, o que dende as aplicacións móbiles tamén poderá facerse de xeito doado (permitíndose tanto compartir os chíos por e-mail como por mensaxe directa).
Twitter tamén está a incorporar á súa aplicación para Android e á súa web a posibilidade de informar de abusos ou spam (función que xa estaba presente na aplicación para iPhone).
Twitter tamén mellorou a súa aplicación para Android para conseguir que funcione mellor en smartphones de gama baixa, que teñen unha capacidade de almacenamento moi reducida, de aí que agora a aplicación buscase reducir o seu tamaño considerablemente, ocupando menos da metade que antes.


Vídeo no que podemos ver claramente as melloras incorporadas a Twitter

PUBLICIDADE