Twitter comeza a integrar reprodución músical na propia cronoloxía

venres, 17 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Twitter está a experimentar grandes cambios, que son recibidos con diverso nivel de aceptación, xa que non sempre parecen ir en beneficio do usuario, e parecen máis destinados a facilitar a explotación económica desta plataforma social que aínda non ten un modelo de negocio establecido. Así temos como esta semana estrean unha funcionalidade bastante agradable que consiste na posibilidade de inserir audio directamente nas cronoloxías, o que poderá experimentarse incluso en dispositivos con iOS e Android.
As tarxetas sonoras de Twitter permite que cando esteamos a navegar polo timeline podamos iniciar a reprodución dun tema musical (inicialmente só hospedado no servizo SoundCloud) e continuar a lectura mentres a canción continúa reproducíndose de fondo.
Esta interesante funcionalidade está limitada polo momento a un grupo selecto de medios e artistas como o Washington Post, David Guetta ou Gilberto Gil, agardándose que cada vez chegue a máis medios e creadores no futuro, para que poidan compartir audio para os millóns de usuarios de Twitter, non estando provisto que vaia ser algo que poida facer os usuarios ordinarios en breve.
Pero o que está a dar máis que falar estes días sobre a política de Twitter é que veñen de recoñecer que están a experimentar coa cronoloxía dos usuarios, no que aseguran que é unha mellora ou evolución da mesma, e que consistirá en que, de cando en vez, Twitter elixirá algún chío de xente á que non seguimos e inserirana entre as nosas lecturas por considerar que pode ser do noso interese. Pode parecer un xeito máis de incluír contido patrocinado sen indicalo expresamente, o que sería bastante molesto, polo que haberá que agardar para ver o que realmente fan con este experimento que podería non chegar a todos os usuarios nesta fase de probas.

PUBLICIDADE