Tuenti estrea aplicación oficial para Android

luns, 28 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Os usuarios da plataforma de redes sociais española Tuenti que conten con terminais de telefonía móbil co sistema operativo Android poden agora mellorar a súa experiencia de uso dende o ser teléfono grazas a que estreouse a aplicación oficial e de balde Tuenti Móvil, plantándolle cara así a competidores coma Facebook (servizo que tamén goza dunha aplicación semellante).
Tuenti Móvil permite actualizar o estado do usuario, subir imaxes almacenadas no móbil (ou realizar capturas en vivo), amosar os cambios máis recentes dos contactos (permitindo o acceso aos seus perfís) e facer uso do chat de Tuenti (detalle que non é posible na aplicación móbil de Facebook) o que agradecerán moitos usuarios que queiran empregar esta ferramenta para interactuar cos seus amigos en tempo real.
Cómpre destacar que esta aplicación está aínda en desenvolvemento, e irase pulindo paulatinamente, aínda que polo momento xa se botan en falta prestacións coas que contaban desaparecidas aplicacións non oficiais coma Tuentify Pro.

PUBLICIDADE