Trasno convoca aos tradutores de software libre de todas as linguas minorizadas do Estado

mércores, 1 de outubro do 2014 Redacción

Membros do proxecto Trasno na Trasnada da Coruña nunha foto de seu

O outono galego preséntase coma un fervedoiro de ideas e propostas relacionadas coa software (caen os convites e as convocatorias coma castañas). Vimos da saír do Ciberencontro de Mugardos, preparámonos para as Xornadas Libres do GPUL e agora cómpre que volvamos subliñar un evento que afonda na importancia de reivindicar a diversidade lingüística da Rede apoiándonos nun concepto que adoita ir ligado a esta diversidade: o concepto de informática sen barreiras. Falamos do Encontro Ibérico de Tradutores de Software Libre en linguas minorizadas, que se celebra no Centro de Novas Tecnoloxías de Compostela entre os días 4 e 5 de outubro. Nas xornadas, que veñen da man dos os responsábeis do Proxecto Trasno, participarán arreo diversos grupos de tradución de ferramentas TIC (galegos, vascos, cataláns, asturianos e aragoneses).
Máis polo miúdo os colectivos Librezale (Euskal Herria), Softcatalá (Catalunya), Softastur (Asturies) e Softaragonés (Aragón), amais do grupo Trasno pola nosa terra (grupo anfitrión). Para facérmonos unha idea da importancia e do alcance da convocatoria, cómpre que teñamos en conta que se trata da primeira vez que se xuntan todos os grupos de localización de ferramentas abertas ás linguas minorizadas do Estado. A maiores, está prevista a concorrencia no evento de representantes de diversos equipos de tradución de alén do Estado español, como por exemplo o colectivo francés representado por Pascal Chevrel, responsábel entre outras cousas de internacionalización de mozilla.org.
O obxectivo desta xuntanza, sinalan dende Trasno, “é acadar unha posta en común da problemática específica dos grupos de tradución do software libre aos nosos idiomas e/ou en risco de desaparición; así como iniciar unha relación de colaboración e posta en común de recursos que axude a mellorar o rendemento e a calidade dos traballos”. Polo que respecta ao miolo do encontro, os organizadores fan saber que “as mesas sectoriais organizaranse por grupos de traballo, nos que participaran todas aquelas persoas que sendo integrantes, por asociación ou colaboración, dos grupos organizadores, teñan interese no tema da mesa. aquelas persoas non integradas en grupos ou asociacións, poderán asistir como convidadas.”

PUBLICIDADE