Transformatic potenciará o sector tecnolóxico galego a través da colaboración de universidades, centros tecnolóxicos e empresas

luns, 21 de abril do 2014 Redacción

Esta mañá celebrouse a sinatura dun convenio entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o reitores das Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, Juan Casares, Xosé Luís Armesto e Salustiano Mato, respectivamente; o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral; o director do Centro Tecnolóxico Gradiant, Fernando Pérez; o coordinador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), Sebastián Luis Bamonde; e o director do CESGA, Javier García, co que buscan materializar un acordo para fomentar o emprendemento dixital, a transferencia da innovación ao mercado e o fornecemento do sector tecnolóxico galego a través do Programa Transformatic.
O acto estivo presidido polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que resaltou a importancia das TIC para o crecemento e a xeración de emprego, empregando directamente a 15.000 galegos, pero que afectan a todo o tecido produtivo, apuntando que “as TIC contribúen en máis dun 40% ao incremento da produtividade de calquera sector. Sen TIC, polo tanto, non hai PEME innovadoras, nin traballo, nin futuro”.
Tamén se salientou a importancia que as TIC terán na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que guiará a mobilización de 1.600 millóns de euros en investimento innovador en Galicia desde 2014 ata 2020. Na RIS3 as TIC planean sobre as dez prioridades que conforman os tres grandes retos da estratexia, o que suporá unha reforzada aposta investidora da Xunta no sector tecnolóxico, unha aposta na que se engloba o Programa Transformatic.
O programa estrutúrase en 8 eixos estratéxicos con 13 liñas de actuación para acadar os seus obxectivos e impulsar a Estratexia de Crecemento Dixital de Galicia, aprobada recentemente, e que contempla como unha das súas prioridades a potenciación do sector TIC galego.
A directora da AMTEGA, Mar Pereira, lembrou que Galicia conta con tres centros tecnolóxicos de prestixio (Gradiant, CITIC e CESGA), máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC no sistema universitario galego con numerosos grupos de investigación en activo como o Centro de Investigación en TIC (AtlantTIC) da Universidade de Vigo e do Centro Singular de Investigación en TI (CITIUS) da Universidade de Santiago, e máis de 2.000 empresas tecnolóxicas.
Sobre esa base o Programa Transformatic establece dous primeiros eixos de actuación: o impulso da demanda temperá no sector público e nos sectores estratéxicos, para desenvolver iniciativas articuladas a través da compra pública de tecnoloxía Innovadora; e, en segundo lugar, o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos de gran envergadura nos sectores estratéxicos para Galicia.
O seis eixos restantes do Programa están orientados a fortalecer o sector TIC. O primeiro céntrase no capital humano co obxectivo de aliñar a oferta formativa e as necesidades que demanda o mercado, analizando as políticas de formación que se están a impulsar desde a Xunta e as necesidades do mercado a medio e longo prazo de cara a definir novos programas formativos e para incrementar o número de titulados TIC.

PUBLICIDADE