TouchPico, un dispositivo de peto capaz de proxectar unha pantalla táctil

luns, 28 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Os picoproxectores de vídeo non son un produto novo, e resultan principalmente prácticos para a realización de presentacións comerciais sen ter que cargar con proxectores tradicionais nin precisar de grandes espazos para o seu uso, pero esta tecnoloxía aínda ten cancha para evolucionar, e en Indiegogo están a procurar financiamento para conseguir converter nun produto comercial o TouchPico, un pequeno proxector portátil, capaz de xerar unha pantalla de até 80 polgadas que destaca por integrar Android e por permitir a interacción coa imaxe proxectada mediante un lapis con infravermellos, de xeito que teriamos unha especie de encerado dixital altamente portátil.
O TouchPico sería así unha boa ferramenta para presentacións de empresa, uso educativos, desatar a nosa creatividade empregando o pantalla a xeito de encerado, ver contidos audiovisuais proxectados nunha parede ou incluso gozar de xogos móbiles en pantalla grande.
Este proxector portátil só é un pouco máis grande que un smartphone, funciona con Android 4.0, integra Wi-Fi, le tarxetas de memoria SD e incluso conta con entrada HDMI para amosar contidos de fontes externas. Pero aparte da súa posibilidade para funcionar como encerado dixital, o máis salientable do TouchPico é que a través do seu proxecto de micromecenado en Indiegogo é posible adquirir este pequeno trebello por só 289 dólares (237,36 euros con gastos de envío incluídos).

O picoproxector pode empregarse para presentacións profesionais
Ao funcionar con Android, o picoproxector tamén pode empregarse para xogar


Vídeo de presentación do proxector TouchPico

PUBLICIDADE