Toshiba anuncia un equipo convertible de prezo axustado

martes, 21 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Toshiba anunciou hoxe nos EE.UU. un interesante equipo, o Satellite Radius 11, un ordenador convertible 2-en-1 de prezo reducido que conta cunha bisagra de 2 eixes que rotan 360 graos, facilitando que poida empregarse comodamente como un ordenador portátil ou como unha tableta. Este ordenador con pantalla táctil de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles e sistema operativo Windows 8.1 comezará a venderse o vindeiro domingo a un prezo de 329,99 dólares (259,59 euros).
Este equipo terá un peso de menos de 1,36 quilogramos, conta cun deseño sen ventilador e pode configurarse cun procesador Intel Pentium ou Celeron, até 4 Gb de RAM e tanto 32 Gb de almacenamento flash como un disco duro de 500 Gb. Inclúe cámara web de alta definición, 1 porto USB 3.0, 1 porto USB 2.0, HDMI e lector para tarxetas SD.

PUBLICIDADE