TokApp preséntase na escola infantil de Ames-Bertamiráns

mércores, 26 de outubro do 2016 Redacción

Este martes 25 presentouse na escola infantil de Ames-Bertamiráns a aplicación galega TokApp, unha ferramenta para estreitar as ligazóns comunicativas entre centros educativos, comunidades de docentes e colectivos de pais e de alumnos. Na presentación participou o conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, quen fixo fincapé no potencial de TokApp School como sistema de mensaxería que “permitirá aos centros comunicarse de xeito máis doado e rápido coas familias dos nenos e nenas que acoden ás escolas infantís da rede Galiña Azul”. Na cita, a empresa creadora da aplicación (TokApp) realizou unha demostración técnica do funcionamento da mesma.
Salientaron entre outras cousas que se trata dun recurso móbil destinado a evitar calquera tipo de incidencia comunicativa nos centros educativos, ao tempo que achega rapidez e eficacia no intercambio de datos, contidos, mensaxes. Como salientamos no seu día dende Código Cero (informando do rápido espallamento desta tecnoloxía galega en medio cento de cidades estatais), TokApp School ten feitura de plataforma de mensaxería instantánea sen límites.
A raizame da ferramenta está na constatación de que actualmente non hai moitos recursos específicos (por non dicir ningún), no panorama tecnolóxico-educativo, que lles asegure aos escolares un método fiábel e eficiente para facer cousas como avisar aos seus pais de actividades relevantes do centro ou de entregar unha circular. Ou ben para que os centros informen aos pais das faltas de asistencia dos seus fillos.
Segundo lembrou TokApp na presentación do colexio de Ames, esta tecnoloxía consta de dúas partes diferenciadas: por unha banda a aplicación web (dende a que os profesores/as e o persoal do centro crean e envían as mensaxes); e pola outra a aplicación móbil (de descarga gratuíta en smartphones e outros dispositivos electrónicos nas que as familias poderán recibir estas mensaxes).
Para o seu axeitado funcionamento, a empresa propietaria da aplicación está a realizar cursos de formación a cada unha das direccións das escolas infantís. A día de hoxe, 15 escolas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e 44 escolas da Axencia Galega de Servizos Sociais xa foron obxecto desta formación e en vindeiras datas a aplicación estará operativa en todas e cada unha das escolas infantís da Consellería de Política Social. Nun principio os administradores da aplicación serán ás direccións dos centros.
O conselleiro salientou que “o avance das novas tecnoloxías nos últimos anos é unha evidencia á que non queremos dar as costas, por este motivo a Consellería de Política Social pon a disposición das escolas e das familias esta aplicación que redundará no benestar e aforro de tempo dos pais e nais, pero sobre todo, no benestar e no coñecemento da evolución dos nenos e nenas nas escolas”.

PUBLICIDADE