TokApp School xa achega vantaxes comunicativas a 400.000 fogares do ámbito estatal

mércores, 1 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

A ferramenta TokApp School, desenvolvida pola compañía galega TokApp, xa está presente en máis de 400.000 fogares do ámbito español, achegando ás familias servizos e funcionalidades de gran utilidade como mensaxería instantánea ilimitada para centros, colexios, nais, pais e alumnos. Como lembraremos, TokApp School é unha plataforma dirixida a engadir un extra de rapidez e eficacia nas comunicacións de todos os integrantes dunha comunidade educativa, contribuíndo con estas melloras a reducir ao máximo o número de incidencias. Por exemplo, a través de TokApp School evítase o envío de cartas ou circulares que “poden extraviarse de camiño a casa” e achégase a posibilidade de saber en que intre, con data e hora exacta, foi lida unha mensaxe. Dende TokApp sinalan que os usuarios da aplicación envían a día de hoxe unha media total de máis de 20.000 mensaxes.
Por autonomías, xa está presente en Andalucía, Asturias, Valencia, Cataluña ou Galicia, onde os centros educativos que tiran partido da aplicación salientan unha mellora xeral das relacións entre todos os integrantes das comunidades docentes.
A ferramenta, en palabras dos seus creadores, responde a unha demanda crecente entre familias e profesores: a demanda dunha comunicación mellor para liquidar os problemas que cada día experimentan. Segundo fan saber os creadores de TokApp School facendo referencia á orixe do desenvolvemento, este naceu da constatación das múltiples eivas e problemas producidos nos ambientes escolares derivados dun mantemento das ferramentas de xestión e información tradicionais. E explican: “Os cambios de horario, as anulacións ou as circulares acaban por non chegar a quen deben recibilos provocando problemas de última hora, iso é o que continúa acontecendo en moitos colexios e familias en España por non ter establecido un sistema de comunicación efectivo”.
Pola contra, inciden dende TokApp, a ferramenta escolar garante a comunicación instantánea entre pais, profesores e alumnos, amais de asegurar a recepción das mensaxes e “sempre respectando a privacidade dos datos e con validez legal dos contidos da mesma”. Por exemplo, cousas como notificar colectivamente os cambios de horas nunhas clases ou un envío de información para inscricións en actividades formativas adquiren grazas a TokApp School o ingrediente de inmediatez e seguridade que lles faltaría, por exemplo, de ter sido enviadas estas informacións a través de correo electrónico. Outra das vantaxes que manifestan os centros educativos que xa tiran proveito da aplicación galega é a redución de custos en material escolar, posto que co uso deste sistema de comunicación poden aforrar en consumo de papel, tinta de impresoras, cartas e selos, ou en medios de transporte para os comunicados.
TokApp School atópase como dixemos operando a nivel nacional e ten previsto expandir a súa iniciativa ao estranxeiro no futuro próximo. As escolas que contan desde o ano pasado coa aplicación están a renovar os seus servizos para 2015 e ampliando a licenza para períodos máis extensos, sinalan dende a empresa responsábel do seu desenvolvemento.

PUBLICIDADE