Thor estreará videoxogo de cara ao verán de 2011

xoves, 29 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Imaxe conceptual da película de Thor na que podemos ver coma o deus do trono enfróntase ao seu irmán Loki, deus do engano.

Para maio do ano que vén está prevista a estrea da nova película da Marvel inspirada no seu personaxe de cómic Thor, o deus nórdico do trono que nesta encarnación é un superheroe que protexe a Terra de grandes ameazas e que tamén contará cunha adaptación ao videoxogo que correrá da man de SEGA, compañía que adiantou que Thor: The Video Game vai ser unha aventura épica en terceira persoa que casará o cómic coa película para amosar un nutrido grupo de inimigos mitolóxicos aos que Thor deberá por freo co seu martelo Mjölnir e facendo uso dun amplo abano de habilidades e ataques que irán incorporándose durante os avances no xogo.
Estamos ante o primeiro videoxogo que contará con Thor coma protagonista (o personaxe xa aparecera noutros títulos coma Marvel Ultimate Alliance ou Marvel Super Hero Squad) e estará ao alcance dos usuarios de PlayStation 3 e Xbox 360 nun xogo que promete ter unha aparencia e unha mecánica semellante a God of War, mentres que os posuidores de Wii, PSP ou Nintendo DS poderán explorar a mesma historia cun estilo gráfico propio dos comics.
Entendemos que este videoxogos de SEGA estará moi próximo á película, pero sen ser fiel á súa historia, aproveitando a riqueza das aventuras de Thor no mundo do cómic para poder crear un universo de seu, o que xa aconteceu con varias adaptacións de películas ao videoxogo nos últimos anos (polo que falamos máis de títulos coincidentes no tempo que de adaptacións en si mesmas). Nos últimos días dende SEGA adiantaron parte do arte conceptual do xogo, e incluso atrevéronse a lanzar un teaser do xogo:

PUBLICIDADE