Televés presenta un equipo perfeccionado de accesorios para a distribución de sinal de fibra óptica

mércores, 6 de marzo do 2013 Redacción

A empresa compostelá Televés dedicada dende 1958 á investigación, deseño, fabricación e comercialización de equipos para a recepción e distribución do sinal de radio, televisión, telefonía e internet vén de presentar unha nova gama de dispositivos para a distribución de sinal sobre fibra óptica. Con esta achega preténdese abranguer todo o preciso de cara ao despregamento deste tipo de redes segundo os requirimentos da nova Infraestrutura Común de Telecomunicacións (ICT-2); isto é: rexistros, fíos multifibra e todo tipo de accesorios para a conectorización.
Así é como Televés quere facer máis doado o traballo do profesional no intre de acometer as instalacións de fibra óptica desde o recinto de instalación de telecomunicación interior (RITI) do edificio até a vivenda, nas condicións establecidas polo Real Decreto 346/2011 e a Orde ITC/1644/2011, que regulan a ICT-2. Engaden dende Televés que todos os dispositivos e equipos para fibra óptica posúen a garantía de vangarda tecnolóxica e excelencia en fabricación que caracteriza á marca referencia no sector da distribución de sinais de radio-televisión.
Emporiso, a gama para fibra óptica de Televés consta -entre outros- dos seguintes equipos: rexistro principal de interior (con até 48 conectores SC/APC e protexido por armarios metálicos lacados ao forno con pintura electroestática); rexistro secundario (pode aturar até oito fibras de saída); punto de acceso ao usuario (PAU) (achégase en dúas referencias, para dous ou até catro adaptadores SC-Femia); fíos de fibra óptica (con tres modelos diferentes de fío de fibra óptica: de 2, 24 e 48 fibras monomodo) e accesorios (que inclúen: protector para fusións, empalme mecánico, conector SC/APC, latiguiño monomodo SC/APC(m)- SC/APC(m) e adaptador SC/APC(h)-SC/APC(h).

PUBLICIDADE