Televés pon en marcha un programa educativo encamiñado ao eido da Electricidade e a Electrónica

mércores, 23 de abril do 2014 Redacción

Os ciclos formativos relacionados coa Electricidade e a Electrónica recibiron este mércores boas novas, pois Televés -compañía global de sistemas e produtos asociados ás telecomunicacións para o fogar- vén de anunciar que coa colaboración de Inlea e Academia Postal porá en marcha un programa educativo chamado Televés SkillsAlliance. O dito programa consiste nun conxunto de recursos didácticos encamiñados aos centros de Formación Profesional, para achegar aos seus estudantes formación teórica 100% actualizada e prácticas en contornas de traballo reais, coas últimas innovacións tecnolóxicas no eido das Infraestruturas Comúns de Telecomunicacións (ICT).
O proxecto dará comezo ao longo do mes de maio, sendo presentado aos docentes de Formación Profesional de toda España, con eventos que terán lugar en Madrid (día 7), Santiago de Compostela (14), Barcelona (20) e Sevilla (22).
Televés SkillsAlliance empregará unha metodoloxía colaborativa que combina a experiencia no mercado de profesionais en activo, a última tecnoloxía de Televés e as necesidades reais das empresas empregadoras de instaladores e técnicos.
Emporiso, o curso ICT está dirixido nunha primeira fase a estudantes de ciclos formativos. Nunha futura fase terá a finalidade de impartir certificados de profesionalidade en montaxe e mantemento de infraestruturas de telecomunicacións en edificios. Dicir que o alumnado e os profesores terán acceso a unha completa gama de produtos e ferramentas profesionais de Televés, como: a antena DAT HD BOSS, a central amplificadora programábel Avant HD ou os medidores de campo portátiles con procesador dixital H45 Compact e H60.

PUBLICIDADE