Televés lanza un modulador que converte sinais analóxicos ou dixitais nunha canle de TDT

mércores, 4 de xuño do 2014 Redacción

A firma de Santiago Televés vén de lanzar ao mercado un novo trebello tecnolóxico con potencial para facilitar o día a día dos consumidores de contidos. Trátase de DigiMod, o novo modulador doméstico que converte calquera sinal analóxico en formato audio/vídeo (A/V), ou un sinal procedente dunha fonte dixital HDMI nun servizo DVB-T.
“Deste xeito”, informan fontes da empresa galega, “sinais procedentes de fontes tan diversas como receptores de satélite, cámaras, circuítos pechados, vídeos analóxicos, reprodutores de DVD ou Blu-ray, incorpóranse a todos os televisores da vivenda coma se se tratara dunha canle máis de TDT (Televisión Dixital Terrestre)”.
O modulador DigiMod mestura o sinal da antena co sinal A/V ou HDMI nunha única saída cara á rede de distribución coaxial. Ademais, ao dispor de entrada USB, a contido TDT pódese descargar como arquivo de vídeo. Permite configurar múltiples parámetros COFDM e axustar o nivel de saída.
Para facilitar o seu manexo, o DigiMod dispón dun display LCD e de controis frontais. Trátase dun dispositivo listo para o seu funcionamento dende o primeiro intre (só é preciso programar a canle de saída).

PUBLICIDADE