Televés exporá as súas achegas tecnolóxicas na Broadcast Asia de Singapur

martes, 12 de xuño do 2012 Raquel Noya

A firma galega de telecomunicacións Televés, vén de anunciar que estará presente na edición deste ano da feira Broadcast Asia, a celebrar en Singapur do vindeiro 19 ao 22 de xuño.
Trátase dunha cita que, en palabras da xente de Televés, “representa unha plataforma privilexiada para traballar importantes mercados deste continente”, e xa que logo, a firma galega acode a este evento coa vista posta en Malasia, Tailandia, Filipinas, Corea, Hong Kong, Indonesia e no propio Singapur, países nos que a compañía conta cunha importante presenza dende hai 18 anos, e onde quere manter a súa cota de mercado.
Televés aposta forte pola rexión do Sudeste Asiático, onde di colaborar con tódolos operadores, tanto de televisión por satélite como terrestre, e onde asegura “xogar un papel activo na transición da tecnoloxía analóxica á dixital”.
Este evento internacional servirá, entre outras cousas, para que a firma galega expoña os seus produtos máis estratéxicos nun stand “ben acubillado” no pavillón de empresas de España.
Entre os produtos que exporá nesta cita, Televés dedicaralle especial atención ás cabeceiras T.0X, con software desenvolvido en FPGAs “que garante unha maior flexibilidade para implementar futuras tecnoloxías”, afirman, así como á gama completa de centrais e amplificadores de distribución.
Tamén terán especial protagonismo as solucións para operadores de radiofrecuencia cos últimos avances en transmisores e gapfillers.

PUBLICIDADE