Televés advirte da proliferación de receptores de TDT que incumpren as leis de propiedade industrial

mércores, 25 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

O eido da Televisión Dixital Terrestre e dos equipos vinculados a esta plataforma é, coma calquera outra tecnoloxía en progresión, un eido suxeito a todo tipo de iniciativas de desenvolvemento: algunhas de mérito, outras non tanto e outras baseadas en boa medida na lei do mínimo esforzo. Ou, xa postos, apoiadas de xeito directo nos froitos acadados polos demais. Así o está a advertir estes días a empresa galega Televés, para quen está claro que os consumidores de lecer audiovisual para o fogar atópanse máis que nunca desprotexidos de cara a receptores de TDT que non ofrecen finalmente o que din que ofrecen. Este reverso da industria legal, subliña, non é nada novo, e sempre adoita a xurdir onde hai unha forte demanda sobre un determinado produto. Neste caso concreto, é a necesidade de contar cun receptor nos nosos fogares perante o inminente apagamento analóxico o que fai que a industria ilegal se poña as pilas. Para Televés, xa non hai que contar só co problema do impago das compensacións por uso de tecnoloxía allea, senón que tamén hai que ter presente o engano ao consumidor que representa. Asemade, dispáranse as probabilidades de incumprimento dun nivel de calidade mínima nos produtos en cuestión.
Moitos deles, engade Televés, veñen dende fóra da Unión Europea para logo ser comercializados baixo diferentes marcas, sendo un dos principais problemas a violación das leis que protexen a propiedade intelectual e industrial, incumprindo o pago dos dereitos polo emprego dos algoritmos de procesamento dos sinais e o software deseñado para tal fin.
Os obxectivos deste tipo de industrias: abaratar custes a costa de pasar de longo dos dereitos, abrindo nichos no mercado malia o risco elevado de sufrir sancións económicas. Para a firma Televés, cómpre desmitificar as vantaxes que teñen para o consumidor este tipo de equipamentos: non só son máis caros a longo prazo, sobre todo polo seu baixo nivel de calidade, senón que tamén presentan graves problemas de abastecemento: en calquera intre pode rematar a achega de equipamentos, deixando a clientes, distribuidores e instaladores sen subministro.
Segundo informa a empresa galega facendo referencia ao miolo do problema, aquilo que é precisamente obxecto de usurpación, cómpre deixar claro que os receptores de Televisión Dixital Terrestre son algo máis que simples canles axeitadas para recibir nos nosos fogares a nova tecnoloxía. Son concretamente dispositivos que apoian unha boa parte da súa actividade sobre a descodificación dos algoritmos que dan feitura ao sinal. Para a comprensión da información, transmisión e almacenamento úsanse rutinas de software identificadas por unhas siglas que, pola súa ampla divulgación, xa forman parte da linguaxe cotiá: MPEG, DVD, DVB-T, MP3, HDMI, DIVX, etcétera. Máis polo miúdo, a recepción do sinal da TDT apóiase no emprego de tecnoloxía DVB-T. Tendo en conta isto, a intermediación deses estándares, é preciso o uso de software propietario, sinala Televés. E engade: “Todo fabricante ou importador que o implemente nos seus produtos está obrigado a establecer un contrato de licenza de uso, este contrato fixa un acordo bilateral polo que o titular dos dereitos da tecnoloxía achega á outra parte o dereito a empregalo a cambio dun prezo que de xeito habitual se coñece como royalty”. A empresa con sede en Santiago, que neste intre é o único fabricante que deseña, desenvolve e fabrica integramente en Europa receptores DVB-T (cumprindo, sinala, co pago dos dereitos que iso implica), considera un caso de competencia desleal que haxa compañías que tenten obter vantaxes de mercado sobre aqueloutras que pagan royaltys precisamente desentendéndose dese pago. “Esta práctica non só é rexeitable dende o punto de vista ético, senón que ademais amosa moi escasa consideración cara aos clientes e consumidores”, manifesta nun comunicado. A este respecto, Televés tamén está dando a coñecer as empresas con licenzas MPEG e DVB-T nos seguintes enlaces:
· http://www.mpegla.com/m2/m2-licensees.cfm
· http://www.sisvel.com/DVB-T/DVB-T_Licensees.pdf

PUBLICIDADE