Telefónica quere reducir nun 30% o seu gasto enerxético
luns 6 de setembro do 2010, por |
Se apostar polas enerxías renovables achega aforro, amais de respecto ao medio, como é que non se lanza a por elas todo o tecido produtivo mundial? Por desgraza, e malia saberse que o proceso só pode ser positivo, pouco hai que nos saque da crenza que as macroestratexias polo sostible son algo así como un labor de marketing semellante ao de poñerlle a palabra “verde” a algo que segue a ser contaminante. A falta de avaliar as cousas co paso do tempo, semella que a iniciativa sostible anunciada por Telefónica os días pasados ten un pouco máis de fondo que a media do que se leva a cabo anualmente. Polo menos, sobre o papel. En termos específicos, Telefónica fixo saber que reducirá un 30% o gasto enerxético das súas redes de aquí ao ano 2015, o que lle permitiría aforar até uns 900 millóns de euros. Segundo contan medios como Galicia Hoxe facéndose eco de datos achegados pola operadora, o verdadeiramente importante da cuestión é que o 85% do gasto total de enerxía da compañía débese ao mantemento das ditas redes.
Estes datos, que foron achegados por Telefónica durante o Workshop Global de Enerxía, poñen de relevo unha vez máis o paradoxal dunha aposta polo aforro de enerxía dentro dunha empresa de calquera índole: traballar pola súa eficacia achega moito máis aforro que gasto. Pero cales serán as medidas concretas para acadar isto? Segundo informa a compañía, apostarase pola enerxía solar para o mantemento das torres de electricidade e os teléfonos móbiles, amais de favorecer o uso de tecnoloxías como a videoconferencia para o desenvolvemento de todo tipo de xestións ou labores empresariais internas ou externas. Por certo que estes e outros proxectos presentes e futuros aparecen detallados na páxina web de sostibilidade de Telefónica.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















