Telefónica quere impulsar e premiar os proxectos con maior potencial de inclusión TIC

luns, 1 de setembro do 2014 Redacción

Telefónica deu a coñecer os días pasados unha convocatoria de interese para todos aqueles emprendedores ou empresarios galegos galegos que teñan entre mans un proxecto ou unha innovación concreta con potencial para favorecer a democratización das novas tecnoloxías e estean a buscar xeitos de impulsar ese proxecto ou innovación, ou ben de obter axudas ao financiamento. Falamos de Innovación para a inclusión (Reto Ability Awards), unha nova categoría dos premios Telefónica Ability Awards destinada a premiar con 10.000 euros a quen deseñe solucións para os colectivos en risco de vérense prexudicados pola fenda dixital (persoas con diversidade funcional ou cognitiva ou motriz, dependentes, enfermos crónicos, etc).
Amais desta contía, achégase a posibilidade de acceder ao ecosistema emprendedor e innovador da operadora (Wayra, Talentum, Think Big, Telefónica Ventures, Amerigo...).
Os premios de Innovación para a inclusión veñen da man da plataforma Open Future (na que se insire Galicia Open Future) a través da cal é posíbel participar. Os aspirantes que queiran formar parte da convocatoria deben entrar na dita plataforma, subir o seu proxecto a un dos retos expostos, seguindo a metodoloxía de crecemento empresarial que incorpora Open Future. O emprendedor deberá encher a información que lle vai requirindo a plataforma até deixar listo o seu proxecto para o Reto Ability Awards.
O prazo de suba de proxectos remata o 17 de setembro de 2014. Logo, procederase a seleccionar as 30 iniciativas que recibirán formación e asesoramento durante unha fin de semana de outubro. Ao concluír isto, comunicarase cales son 10 proxectos que se madurarán e a cuxos creadores prepararanse para que fagan cadansúas presentacións perante o xurado do Día dos Investidores previsto para principios de novembro. Este xurado seleccionará aos tres finalistas que se presentarán na gala dos Telefónica Ability Awards a principios do 2015 e na cal se comunicará o gañador do Reto Ability Awards da presente edición, Innovación para a inclusión, e faráselle entrega dos 10.000 euros.

PUBLICIDADE