Telefónica presenta a oferta comercial para o iPhone 3G en España

xoves, 10 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Guillermo Ansaldo, director xeral de Telefónica España, e Belén Amatriaín, conselleira delegada de Telefónica España, durante a presentación da oferta comercial do iPhone 3G en España

Este venres chega ás tendas españolas o agardado iPhone 3G, e para que os potencias compradores do móbil de Apple saiban as condicións comerciais para a adquisición do desexado terminal Telefónica desvelou as tarifas que se deberán contratar ao adquirir o iPhone, que combinarían plans de voz e plans de datos cun compromiso de permanencia de 24 meses que determinarán o prezo final do dispositivo.
Así, o iPhone poderase adquirir cunha Tarifa Plana iPhone para datos por 15 euros/mes (que inclúe 200 Mb de transferencia, tralos que se reducirá a velocidade da conexión á Internet dende o móbil a 128 Kbps) xunto con paquetes de voz de 9, 20 ou 40 euros/mes oscilando así o prezo do iPhone 3G de 8 Gb entre 39 e 259 euros (entre 99 e 359 euros no caso do iPhone de 16 Gb).
Os usuarios que precisen de máis transferencia de datos dende o móbil poderán contratar a Tarifa Plana iPhone Plus por 25 euros/mes, que incluiría 1 Gb de transferencia (tralo que se reduciría a velocidade a 128 Kbps) e se podería contratar con plans de voz de 60 ou 90 euros/mes, resultando o móbil de balde con estas modalidades de contrato (coa excepción do iPhone de 16 Gb cun consumo de 60 euros/mes, que custaría 59 euros).
Confírmase así que o iPhone podería chegar a adquirirse por 0 euros en España, pero hai que destacar que os prezos indicados son sen IVE, polo que o facerse cun iPhone 3G de balde suporía un compromiso de gasto mínimo de entre 2.366,4 e 3.201,6 euros en 2 anos.

Táboa de tarifas do iPhone 3G para clientes particulares

Os usuarios que opten por pagar polo terminal terían un gasto acumulado en 2 anos a partir de 968,6 euros para o modelo de 8 Gb (100 euros + IVE máis no caso do modelo de 16 Gb) polo que hai que entender que adquirir un iPhone non é só mercar un móbil, senón tamén contratar unha serie de servizos que distan de ser de balde.
Non hai que esquecer que ao complexo cadro de tarifas do novo iPhone tamén hai ofertas corporativas e promocións de puntos para actuais clientes de Movistar, polo que as tarifas comentadas ata o momento corresponden a altas novas, portabilidades ou cambios a contrato.
Dende Telefónica tamén advirten que a tarifa plana de datos de 15 ou 25 euros/mes do iPhone só se poderá empregar a través do terminal telefónico, polo que non autorizarían o seu uso dende outros terminais ou dende ordenadores (lembremos que as tarifas planas móbiles deste tipo teñen uns prezos bastante superiores).
Con estes datos temos así que se confirman moitos dos rumores que circulaban nos pasados días no tocante ás tarifas de datos para o iPhone 3G (que son criticadas, xa que limitar a velocidade dun terminal que presume de velocidade 3G resulta un tanto contraditorio), pero os prezos base dos móbiles resultaron moito máis caros dos agardados (xa que se contaba que o modelo de 8 Gb custase 99 euros e o de 16 Gb se vendese por 199 euros, incluso cos contratos máis básicos). Deste xeito, España parece quedar bastante lonxe dos prezos que pagan polo iPhone 3G nos EE.UU., onde se vende o modelo de 8 Gb a 199 dólares (127,36 euros), pero iso non parece que vaia a ser un atranco para que nas primeiras semanas sexa moi complicado facerse cun destes trebellos, pois moitos consumidores levan máis dun ano agardando a chegada deste móbil a España (especialmente os maqueiros) e non poderán evitar a tentación de facerse co móbil máis mediático da historia.

PUBLICIDADE