Telefónica intégrase como socia tecnolóxica da CEOE

martes, 22 de xullo do 2014 Redacción

Cesar Alierta, presidente de Telefónica, e Juan Rosell, presidente de CEOE

Telefónica anunciou este martes a súa conversión en socia tecnolóxica da CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais) para os vindeiros catro anos. Ao fío desta integración, a operadora achegará solucións de tecnoloxía ás diferentes organizacións territoriais e sectoriais asociadas a CEOE “para que aproveiten as vantaxes da economía dixital en canto a axilidade, competitividade e aforro de custos”, sinalou. O acordo marco ten como obxectivo identificar e potenciar as accións que contribúan a desenvolver, difundir e aplicar as novas tecnoloxías nas organizacións empresariais territoriais e sectoriais.
Ambas as partes consideran que o papel da tecnoloxía “é fundamental en áreas como a economía, a seguridade ou as comunicacións, para dar un necesario impulso á Sociedade da Información e a Economía Dixital”. A constitución desta colaboración, engadiron os responsábeis de Telefónica e da Confederación, é o primeiro paso para sensibilizar ás organizacións integradas en CEOE sobre as vantaxes e as novas oportunidades que se derivan do uso das tecnoloxías da información.
Para a posta en marcha do acordo, Telefónica e CEOE constituíron unha comisión de traballo que se reunirá periodicamente para planificar, supervisar e avaliar os programas e accións que se vaian desenvolvendo no marco deste convenio.

PUBLICIDADE