Telefónica e Carestream integran o seu servizo de imaxe médica dixital no Grupo Quirón

xoves, 27 de novembro do 2014 Redacción

O Hospital Quirón da Coruña

O servizo de saúde dixital de Telefónica, Telefónica eHealth, vén de informar dun importante traballo do seu equipo de desenvolvedores e integradores de tecnoloxías directamente encamiñadas a incrementar e mellorar os coidados a persoas doentes ou dependentes. Trátase da implantación do seu servizo de imaxe médica dixital no Grupo Hospitalario Quirón, unha rede española de centros de saúde que ten tamén presenza na nosa terra: o Hospital Quirón da Coruña e máis o Centro Oftalmolóxico Quirón da Coruña. Os traballos foron levados a cabo por Telefónica e Carestream, responsábeis do desenvolvemento do servizo e da súa “robusta arquitectura”, baseada, en palabras das empresas, “na eficiencia operativa, diagnóstica e económica que se está a implantar na rede do Grupo Hospitalario Quirón”.
Con este servizo, agárdase acadar unha xestión máis eficaz das imaxes dixitais das probas diagnósticas e o acceso remoto e ubicuo (na nube) a elas por parte dos diferentes facultativos. Permitirá, entre outras cousas, que “a totalidade da imaxe médica de Quirón, con independencia de onde se xere, se consolide nun nodo central situado nos centros de procesamento de datos da compañía de xeito que se poida dar conta de calquera estudo radiolóxico dende os 22 centros hospitalarios grazas á rede de comunicacións adicada á imaxe do grupo Quirón e ao software de xestión radiolóxica”. Isto será posíbel, tamén, grazas ás ferramentas de visualización da imaxe médica da empresa colabora Carestream Health. O acceso aos devanditos datos abrangue tamén a posibilidade de facelo dende móbiles e tabletas.
“A todo o devandito”, engade Telefónica, “cómpre engadir a renovación dos postos de traballo dos radiólogos, incorporando novos monitores diagnósticos de alta resolución e sistemas de recoñecemento de voz para o ditado dos seus informes”. Os pacientes de Quirón tamén disporán de novos servizos podendo acceder a través dun portal web á súa historia radiolóxica.

PUBLICIDADE