Telebisión converte o PC nun completo centro de reprodución multimedia

xoves, 17 de setembro do 2009 Marcus Fernández

Telebisión permite a navegación visual entre os contidos almacenados no noso equipo

Hai tempo comentamos a existencia de XBMC, unha aplicación que converte o PC nun completo Media Center, cunha interface moi atractiva e sinxela, que conta con todo un ecosistema de engadidos que permite que o programa aliméntese de distintos servizos web que serven tanto para achegar contidos audiovisuais (de YouTube, Flickr e outros) como para dotar de información aos mesmos (cubertas de películas e series de televisión, sinopses, reparto…), pero a configuración de todos estes elementos é complexa, de aí que lanzase unha versión pre-configurada que responde ao nome de Telebisión, «con b de ber, con b de baliosa, con b de baliente, con b de bisionaria».

A través de distintos complementos poden engadirse fontes de contidos coma SeriesYonkis ou RojaDirecta

Telebisión serve para xestionar a nosa música, as nosas fotografías e os nosos vídeos, pero que tamén pode acceder a vídeos en ADNStream, YouTube e ZappInternet, así coma de servizos máis dubidosos coma PeliculasYonkis.com, SeriesYonkis.com ou mesmo as retransmisións en directo de acontecementos deportivos a través de Justin.tv das que dan conta dende RojaDirecta.
A estrea de Telebisión fai máis doado o consumo audiovisual dende o ordenador de sobremesa ou o portátil, pero os seus responsables son conscientes de que iso tamén pode levar a moitos usuarios a converter un PC nunha solución de cine en casa, polo que tamén publican unha guía sobre cómo conectar o ordenador ao televisor.
Aínda que polo momento Telebisión só está dispoñible para Windows, agárdase que chegue cedo a Linux e Mac OS X (como xa vai o devandito XBMC).

Os nosos vídeos en Telebisión vense enriquecidos con información achegada de distintos servizos web (ou introducidos manualmente)


Presentación da aplicación de reprodución multimedia Telebisión

PUBLICIDADE