Teimas habilita en Santiago un proxecto multimedia para premiar a reciclaxe entre a veciñanza

mércores, 20 de maio do 2015 Fernando Sarasketa

O consistorio de Santiago (Raxoi) acolleu esta mañá a presentación dunha iniciativa innovadora, a cabalo entre o tecnolóxico, o sustentábel, o participativo e o medio ambiental. Trátase de Tropa Verde, un proxecto desenvolvido pola empresa local Teimas e adoptado polo Concello de Santiago a través do seu programa Smart iAGO (Compostela como Cidade Intelixente). En termos concretos, Tropa Verde diríxese a recompensar o compromiso da cidadanía co medio ambiente e coa xestión sostíbel de refugallos (electrónicos e eléctricos, pero tamén de outros moitos tipos). Para explicalo, Miguel Varela (Teimas) dispuxo aos representantes dos medios reunidos en Raxoi nun hipotético desprazamento a un punto limpo para depositar aparellos electrónicos que xa non serven e que cómpre reciclar. Non sería boa cousa que vos recompensasen por iso?, preguntoulles. Pois disto trata este proxecto, engadiu, dispoñíbel en Internet (tropaverde.gal), en galego e dende o 17 maio (data significativa para a lingua, para a Rede e tamén para a reciclaxe).
Segundo fixeron saber na presentación Varela e máis Fernando Suárez (responsábel de Innovación do Concello de Santiago), estamos ante unha achega multimedia con feitura de xogo: un xogo que ten como escenario concreto as rúas de Santiago. Para participar nel, o primeiro que teñen que facer os cidadáns é rexistrarse na web e logo ir desenvolvendo accións responsábeis dende o punto de vista ambiental. Por exemplo: entregar refugallos nos puntos limpos. Por cada depósito que fagan recibirán recompensas, con feitura de de descontos e premios en establecementos locais de todo tipo (patrocinadores).
Por certo que a iniciativa xa ten a día de hoxe arredor de 70 patrocinadores apoiando o proxecto, e se nada o impide chegarase nun breve prazo de tempo ao centenar. O número de recompensas que subministran estes establecementos rolda arestora as 600, e partiuse dun orzamento en premios de 5.000 euros. Os premios son de moi diversa natureza, e van dende descontos en tratamentos de saúde ou menús e consumicións, até agasallos sorpresa. Segundo fixeron saber Varela e Suárez, nas vindeiras semanas ampliarase o número de patrocinadores para cubrir todas as áreas da cidade. Polo que respecta ao nivel de aceptación da proposta entre os establecementos, Varela sinalou que “o compromiso dos comerciantes composteláns está a ser sobresaínte”.
No que atinxe aos puntos de entrega, o Concello de Santiago e Urbaser fornecen os puntos limpos de Piñor e do Tambre, o Punto Limpo Móbil e, en breve, incorporaranse os centros socioculturais da Trisca, Castiñeiriño, Conxo, Fontiñas, Santa Marta, Vite e O Ensanche. Está previsto que a rede se estenda a todos os centros do municipio.
Como dixemos o proxecto comezou a súa andaina oficial o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o Día da Internet e o Día Internacional da Reciclaxe. Para participarmos na iniciativa Tropa Verde temos que rexistrarnos coa nosa conta de correo ou coa de Facebook. Logo de facer depósitos de refugallos (pilas, aceites, electrodomésticos, móbiles, móbeis, etc) nos sitios de recollida indicados e habilitados, recibiremos un cheque que teremos que trocar na páxina web tropaverde.gal por unha serie de puntos en forma de estrelas que se poderán cambiar polas recompensas ofertadas. Tropa Verde comezou a súa andaina cun peso mínimo para as entregas de residuos establecido en medio quilogramo. Neste intre, fixo saber Teimas, xa hai preto de 200 persoas rexistradas na iniciativa.

PUBLICIDADE