Tecnocom achégalle 1.500 euros ao mellor traballo en Enxeñaría Informática da USC

martes, 5 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Unha das sedes de Tecnocom, achegada polo xornal CincoDías

A empresa Tecnocom, especializada na achega de todo tipo de servizos ligados ás novas tecnoloxías do coñecemento, vén de dar novas mostras de apoio ao sistema docente da nosa terra, compromiso que xa vén de anos atrás (tal como se reflectiu hai tres anos co acordo asinado coa Universidade de Santiago para fornecela de actividades formativas e recursos de promoción TIC). Desta volta e sen perder de vista á Universidade, estamos a falar do I Premio Tecnocom ao Mellor Traballo Fin de Grado en Enxeñaría Informática da USC, que chegou á súa resolución co recoñecemento á proposta de Tomas Teijeiro como gañadora.
O traballo Servando: unha plataforma distribuída para a prestación domicilaria de servizos médicos recibirá 1.500 euros da man da compañía, unha firma española que abrangue no seu importante presenza galega (a antiga Softgal).
A proposta de Tomás Teijeiro, informa a USC, desprega unha infraestrutura distribuída que se orienta a pórlle remedio a unha boa parte dos problemas comúns dos sistemas de atención médica a distancia, como por exemplo a comunicación entre doente e centro hospitalario, ou o manexo pleno das ferramentas do sistema por parte do usuario.
Xa nun plano máis concreto, unha das grandes vantaxes do labor de investigación de Tomás Teijeiro reside en que achega unha infraestrutura que é quen de adaptarse sen problemas á supervisión de diferentes doenzas. A súa vontade práctica está máis que probada, e aí radica probablemente unha das razóns de ter obtido o dito recoñecemento. De feito, o sistema está a ser usado en iniciativas coordinadas co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) para o seguimento de doentes con Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC) e enfermidades cardiovasculares.

PUBLICIDADE