Tales of Zestiria chegará a Europa en outubro

xoves, 2 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Bandai Namco realizou hoxe un importante anuncio para os seareiros europeos da franquía de xogos de rol xaponés Tales Of, confirmando que o 16 de outubro porán á venda para PS3 e PS4 o xogo Tales of Zestiria, que o 20 de outubro tamén chegará ao PC a través de Steam (onde xa pode reservarse). Amais, para conmemorar o 20º aniversario da serie de xogos tamén publicarán en Steam unha versión en alta definición do título máis querido da saga, Tales of Symphonia (xogo que recibirán de balde os que reserven Tales of Zestiria en Steam, aínda que o seu lanzamento non está previsto até o ano que vén), que estaría baseada na versión para PlayStation 3 comercializada o ano pasado.
Amais, no marco da Japan Expo, tamén confirman a existencia edición para coleccionistas de Tales of Zestiria, que produciranse en unidades moi limitadas incluíndo 4 figuras chibi, un libro de ilustracións, unha tea cunha ilustración do santuario da Dama do Lago, unha película de animación de media hora en DVD, a banda sonora do xogo, o xogo en caixa metálica e unha caixa especial da edición de coleccionista con forma de libro para gardar todos os elementos.

A edición para coleccionistas do xogo incluirá moitos contidos adicionais (a imaxe non corresponde aínda co deseño final)


Trailer de Tales of Zestiria

PUBLICIDADE