TEDxGalicia viaxa a Pontevedra na súa cuarta edición

venres, 13 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Por cuarto ano consecutivo celébrase en Galicia unha edición dos eventos locais de TED (Tecnoloxía, Entretemento e Deseño) que a través de penas charlas dun máximo de 15 minutos cada unha buscan chamar á reflexión sobre distintos temas de interese, que varios centos de afortunados poden ver en directo e que máis adiante poderán ver todo o mundo a través de YouTube (que é onde os relatorios póñense en valor). Tras tres entregas deste evento en Santiago de Compostela, desta volta é a cidade de Pontevedra a que acolle o TEDxGalicia, que encheu de actividade o Centro Social Fundación Novacaixagalicia, converténdose na edición de maior participación ata o momento.
Os relatorios desta entrega do TEDxGalicia repartíronse en dúas quendas, tocándolle abrir ao experto en marketing, con experiencia profesional no mundo da Intenret, Roberto Pérez Marijuán, que quixo chamar á reflexión sobre as limitacións e os talentos de cadaquén para orientar a súa vida, para o que comezou coa provocadora frase de “¡son un inútil!”; o creativo Miguel Conde, presidente de BAP&Conde, quixo aproveitar a súa intervención para defender que as nosas decisións como consumidores son equivalentes a votar, pois afecta seriamente á nosa sociedade, especialmente dende que imperan as culturas do crédito e dos low cost (esta última moi presente a través da Internet, o que supón unha dobre ameaza para o conxunto social, pois en moitos casos estanse a promover unhas condicións laborais deplorables e anti-competitivas, e por outra, potencian a evasión de impostos); o profesor do IES Maruxa Mallo, José Manuel Dopazo, partindo da anécdota das dificultades que xurdiron no seu centro para conseguir que repuxeran un proxector de vídeo avariado chamou á reflexionar sobre os cambios que serían necesarios na Educación, que irían moto máis aló de mudar o sistema educativo; o avogado especializado en Dereito Informático, Víctor Salgado, fixo un repaso dos modelos democráticos existentes, para propor un futuro no que os medios tecnolóxicos actuais (DNI electrónico, sinatura dixital, voto electrónico...) favorezan unha democracia directa de xeito que os cidadáns sexan os que tomen realmente as decisións en temas importantes, limitándose o papel que terían os políticos actuais a xestionar a aplicación das políticas aprobadas polos cidadán; o experto en marketing Gonzalo Garré, responsable da comunicación dixital da Escola de Negocios Novacaixagalicia, fixo un achegamento ás redes sociais, expondo a idea de que o importante destas plataformas sempre son as persoas; e como remate da primeira quenda de charlas, o Mago Román sorprendeu dando unha clase sobre criptografía e criptoanálise, que completou cun truco de maxia no que empregou un criptex (dispositivo cilíndrico no que agochar un papiro no seu interior, protexido por un contrasinal, e que fíxose popular no libro El Código Da Vinci de Dan Brown). Un dos animadores da xornada, o actor Vicente de Souza, tamén arrincou as risas do auditorio facendo reflexións sobre o patrimonio galego, dando a entender que os castros eran precursores das prazas de touros e propondo a colocación de touros de Osborne pola nosa xeografía.

Tras unha pausa para coller folgos, retomou a actividade a licenciada en Psicoloxía Social, Sandra Prieto, quen contou unha historia centrada nos valores que definen ás persoas; o arquitecto Carlos Graña quixo reivindicar a capacidade da Arquitectura para transmitir sensacións; Jorge del Oro amosou o seu proxecto artesanal á hora de crear un instrumento musical steampunk, que supón o coller un elemento do pasado e levalo ao futuro (inspirándose na época vitoriana); o sociólogo e antropólogo Pablo Herreros, tras chamar a atención facendo no escenario como se estivésemos na Idade de Pedra, amosou numerosos exemplos para defender que non é certa a crueldade que se supón á Natureza, e que entre outros primates tamén existen sentimentos como a solidariedade; encargándose o emprendedor Frankie Gómez de por punto e final a esta xornada, cun relatorio maxistral no que empregouse a figura da vaca como metáfora da empresa, para dar así conta das dificultades que existen para botar adiante un proxecto empresarial, para o que hai que ser sempre consciente das grandes posibilidades de fracaso, e animando aos que ousen a emprender a erguerse tras caer, teimando ata conseguir o éxito (do que tamén é preciso ter unha idea realista).
Rematadas as distintas charlas, que nos vindeiros meses poderán verse a través de YouTube, confirmouse que xa se está a traballar na edición de 2014 do TEDxGalicia, deixando claro que estamos ante un evento consolidado, no que Galicia está entre as posicións pioneiras do Estado.

Frankie Gómez empregou a figura da vaca como un exemplo de empresa
Miguel Conde quixo posicionarse contra a cultura do low cost
Os comentarios sobre a Educación de José Manuel Dopazo foron un dos momentos que máis aplausos arrincaron ao público
Víctor Salgado defendeu a democracia real a través da tecnoloxía
Gonzalo Garré defendeu ás persoas como centro das redes sociais
O Mago Román sorprendeu dando unha clase de criptografía e criptoanálise
Entre os trucos desenvolvidos polo Mago Román no escenario puidemos ver en funcionamento un críptex
Vicente de Souza defendeu o patrimonio cultural galego a través do humor
Carlos Graña destacou as posibilidades da Arquitectura para transmitir sensacións
Pablo Herreros defendeu que os primates non somos malos por natureza
Jorge del Oro amosou o seu proxecto musical steampunk
Marcos Pérez aproveitou a ocasión para presentar un proxecto que polo momento só está visible a través dunha conta de Twitter

PUBLICIDADE