Steam e Uplay inician as súas rebaixas de inverno

xoves, 18 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Hoxe chega unha época tan agardada como temida para moitos xogadores, pois as plataformas de descargas de videoxogos para PC inician as súas rebaixas de inverno, o que tanto supón importantes aforros na compra de moitos dos mellores títulos do ano como tamén pode implicar un gasto desaforado ante a dificultade que teñen moitos usuarios a resistirse a atractivas ofertas.
Ubisoft foi a primeira compañía en iniciar as rebaixas na súa plataforma Uplay, na que os seus xogos están dispoñibles con descontos de até o 80%, combinando ofertas diarias con outras que se manterán até o 4 de xaneiro. No caso das consolas de videoxogos os títulos de Ubisoft estarán dispoñibles en cadansúa tenda de descargas cun 30% de desconto coa excepción dos últimos lanzamentos.
Valve pola súa banda tamén iniciou as súas rebaixas en Steam, con ofertas puntuais cada 12 horas e un período de rebaixas que concluirá o 2 de xaneiro. Para comezar forte ofrecéronse xogos como Dark Souls II cun 63% de desconto, Metal Gear Solid V – Ground Zeroes cun 33% de desconto, Rocksmith 2014 cun 75% de desconto ou Euro Truck Simulator 2 cun 85% de desconto. Outras ofertas bastante rechamantes tamén poderían ser a de Metal Gear Rising: Revengeance por só 3,99 euros e Injustice: Gods Among Us Ultimate Edition por 3,49 euros.

PUBLICIDADE