Spotify xa pode empregarse de balde en Windows Phone

martes, 26 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Spotify publicou hoxe unha nova versión da súa aplicación para Windows Phone 8, que mellorou o aspecto da pantalla nos resultados de busca, conta con novas páxinas de artistas para descubrir máis cancións, álbums e artistas relacionados e, como prato forte, incorpora a posibilidade de escoitar música de balde de calquera álbum, listaxe de reprodución ou artista en modo aleatorio. Deste xeito os usuarios de Windows Phone por fin pode gozar dun catálogo con millóns de cancións sen ter que ser usuarios Premium do servizo.
A versión da aplicación permite escoitar todas as listaxes de reprodución creadas polo usuario e as persoas ás que segue; permite escoller a un artista e escoitar toda a súa discografía no modo de reprodución aleatoria; e tamén permite escoitar listaxes de reprodución elaboradas en función de distintas situacións, para que poidamos por exemplo, gozar de música para relaxarnos ou para realizar exercicio.

PUBLICIDADE