Sony anuncia os xogos que incluirá PlayStation Plus durante o mes de maio

mércores, 23 de abril do 2014 Marcus Fernández

Stick it to the Man estrearase na PS4 a través de PlayStation Plus

O vindeiro día 30 o catálogo de xogos de PlayStation Plus renovarase, de xeito que os subscritores deste servizo poderán gozar de novos xogos sen custo adicional durante o mes de maio, que na súa meirande parte se trata de títulos bastante recentes e contrastada calidade entre os que destaca especialmente o xogo de Zoink! Stick it to the Man, que o ano pasado contou con versións para PS3 e PS Vita e que agora poderá gozarse para PlayStation 4. Este título foi moi ben recibido pola súa rechamante estética e a súa divertida e absurda historia: nun mundo bidimensional no que todo parece feito de papel e adhesivos o protagonista sofre un accidente que proporciónalle poderes, de xeito que pode dobrar e rachar o mundo que o rodea e quitar adhesivos e pegalos noutros lugares, así como poder ler a mente das persoas, habilidades que terá que aproveitar para librarse dunha comprometida situación na que o acusaron dun crime que non cometeu.

Everybody’s Golf para PS Vita estará incluído en PlayStation Plus durante maio

A PlayStation 3 tamén recibirá un par de xogos de grandísima calidade, como son o preciosista Puppeteer e o xogo de acción Payday 2, ambos cun elevado nivel e que buscarían atender a públicos moi diversos; mentres que para PS Vita estarán dispoñibles o xogo de rol xaponés de acción Muramasa Rebirth e o xa clásico Everybody’s Golf.
Lembremos que para poder gozar destes contidos descargables hai que subscribirse a PlayStation Plus, servizo que ten un custo de 6,99 euros/mes, 14,99 euros/trimestre ou 49,99 euros/ano, prezo que podemos considerar insignificante se temos en conta a cantidade de xogos que ofrece mensualmente aos usuarios de PS4, PS3 e PS Vita.

PlayStation Plus incluirá en maio o xogo Muramasa Rebirth para PS Vita


Trailer de lanzamento de Stick it to the Man

PUBLICIDADE