Sony anuncia os xogos cos que contarán os usuarios de PS Plus en outubro

mércores, 1 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Aínda que nos últimos meses os xogos que recibiron os subscritores de PlayStation Plus parecían decepcionar a moitos (en boa medida pola calidade á que tiñan afeito aos xogadores no pasado) en outubro parece que Sony volve ao rego, e anuncia os xogos que pasarán a estar dispoñibles dende o vindeiro día 8 sen cargo adicional para usuarios de PS Plus.
Por unha banda temos que os usuarios de PlayStation 4 poderán comezar a gozar dunha edición especial do agardado xogo de condución DRIVECLUB, que ofrecerá 11 pistas e 10 coches, podendo competir en liña con até 12 xogadores, experiencia que promete animar a moitos a facerse coa versión completa deste título. Máis modestos son os xogos Dust: An Elysian Tail e Spelunky, que pese a ser títulos independentes, prometen moitas horas de diversión para os usuarios de PS4.
En PlayStation 3 atopamos unha oferta de xogos bastante digna, como Batman: Arkham Asylum, primeiro título desta saga, que permitirá introducirse nunha aventura que o ano que vén contará cun novo capítulo (Batman: Arkham Knight); e tamén poderá gozarse dunha auténtica xoia retro, o hack and slash de recreativa Dungeons & Dragons: Chronicles of Mystara, adaptado á pantalla da PS3 e no que tamén poderemos botar partidas en liña.
Máis complicado o ten Sony para nutrir de bos xogos a oferta de PS Plus para a súa consola portátil, xa que carece de canteira da que tirar, e así este mes os usuarios de PS Vita teñen que conformarse co arcade Pix the Cat e o xogo de rol Rainbow Moon, ambos pouco coñecidos polo público.

Spelunky é un interesante xogo indie que recibirán os usuarios de PS Plus para a PS4 en novembro
Dungeons & Dragons: Chronicles of Mystara poderá gozarse na PS3 sen custo adicional por parte dos subscritores de PS Plus

PUBLICIDADE