Sony anuncia a súa nova consola portátil

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Kaz Hirai foi o encargado de dar a coñecer a nova consola portátil da súa compañía

Sony Computer Entertainment vén de presentar no Xapón a sucesora da PSP, que polo momento recibe o nome de NGP (Next Generation of Portable Gaming) e que manterá un deseño moi la liña da anterior consola portátil de Sony (cun tamaño lixeiramente superior de 182,0 × 18,6 × 83,5 mm), pero mellorando distintos elementos como a pantalla (que agora é OLED multi-táctil capacitiva cun tamaño de 5 polgadas e unha resolución de 960 x 544 píxeles) e o control (con 2 mandos analóxicos, o que resulta crucial en xogos tipo shooter), á vez que intégranse no propio trebello 2 cámaras, GPS (elementos que ata o momento eran accesorios), sensores de movemento (acelerómetro, xiroscopio e compás dixital), Wi-Fi N, 3G, Bluetooth e un revolucionario pad táctil na parte traseira da consola, que ofrecerá novos xeitos de interacción nos xogos, de xeito que os dedos poderán empregarse para funcións como tocar, agarrar, trazar, empurrar e tirar mediante distintos xestos.
No que a procesador se refire, a NGP está baseada nun ARM Cortex A9 de catro núcleos apoiado por un procesador gráfico SGX543MP4+, dos que aínda non se coñecen moitos detalles, pero que prometen unha potencia inédita en plataformas portátiles (aseguran que é «tan potente como unha PS3»).
A alta conectividade da nova consola aproveitarase para o acceso ao LiveArea, un espazo no que os usuarios poderán compartir diversión e emoción con outros xogadores, abrindo o acceso á última información acerca dos xogos tanto de Sony como de outras compañías, á vez que tamén serve para visualizar o rexistro de actividade dos usuarios que estean a xogar ao mesmo título. Este servizo aberto á PlayStation Network tamén completarase con Near, que permitirá localizar aos amigos que estean preto, servindo tamén para descubrir a outros xogadores que estean nas proximidades.

A NGP contará cunha pantalla OLED multi-táctil capacitiva

No que a soporte de almacenamento se refire, a NGP segue os pasos da PSPgo e di adeus aos discos UMD, de xeito que os xogos almacenaranse en pequenas tarxetas de memoria flash. Os primeiros títulos en chegar a esta plataforma serían os novos Little Deviants, Reality Fighters e Gravity Daze, á vez que recuperará franquías coma Uncharted, Killzone, WipeOut, Resistance, LittleBigPlanet, Hustle Kings e Hot Shots Golf. A nova consola tamén contará con grandes títulos coma Yakuza 4, Metal Gear Solid 4 e un novo Call of Duty.
A NGP soportará a descarga de xogos de PSone e PSP, o que permitirá que dende os seus inicios teñan un importante catálogo de xogos dispoñible.
Sobre a data de lanzamento desta nova consola comentaron que chegará ao mercado a finais de ano, aínda que non especificaron o seu prezo.

Grandes sagas coma Uncharted estarán presentes na NGP

PUBLICIDADE