Sony abandona o mercado dos eReaders en Europa

mércores, 6 de agosto do 2014 Marcus Fernández

O Reader PRS-T3 será o derradeiro lector de libros electrónicos que Sony comercialice en Europa

A ninguén se lle escapa que o sector dos lectores de libros electrónicos está acaparado por Amazon co seu Kindle, e despois de que este rango de produtos se estreitase aínda máis por mor da emerxencia de tablets e smartphones con pantallas de grande tamaño, algúns dos fabricantes máis importantes de eReaders teñen que abandonar a competición, como fará Sony, compañía que vén de anunciar que non ten previsto lanzar un sucesor do seu actual Reader, engadindo que manterán á venda o Sony Reader PRS-T3 en Europa mentres queden existencias.
Sony xa deixou de vender libros electrónicos para os seus dispositivos o pasado mes de maio, de xeito que só mantén esta liña de negocio (e a dos eReaders) no Xapón, onde tampouco o teñen doado, pois tanto Amazon como Rakuten teñen unha forte presenza no territorio, cos seus respectivos lectores de libro electrónico.
Segundo a consultora Gartner, o negocio dos eReaders chegou ao seu apoxeo en 2011, con 23 millóns de lectores vendidos, pero estiman que en 2017 esta cantidade sexa de só 10 millóns de unidades, por mor da mencionada emerxencia doutros dispositivos móbiles tamén válidos para a lectura.

PUBLICIDADE