Só un 29 por cento dos traballadores das empresas de base tecnolóxica son mulleres

venres, 14 de marzo do 2008 Raquel Noya

A Aula Cultural de Caixa Galicia en Santiago de Compostela vén de acoller o último encontro de mulleres emprendedoras que Agestic viña organizando polas catro provincias galegas ao longo dos últimos meses.
O Progama Nin máis nin menos. Igualdade de Xénero na Sociedade da Información puxo punto e final na capital galega cunha reunión de mulleres emprendedoras na que participaron oito relatoras, empresarias e altas directivas de multinacionais. Todas elas, exemplo de éxito no mercado laboral, ofreceron, nesta última cita, as súas experiencias persoais e profesionais no emprego das TIC para conciliar a vida laboral e familiar.
Unha vez máis, nesta xornada púxose de manifesto “a precaria situación da muller en canto ao acceso á formación nas novas tecnoloxías da información e na comunicación” xa que segundo datos desvelados no acto, “só un 29 por cento dos 15.000 traballadores de empresas de base tecnolóxica son mulleres”.
Este último acto do ciclo promovido pola Asociación Galega de Empresas AGESTIC e enmarcado no Plan Avanza do Ministerio de Industria, contou coa participación da directora de Relacións Institucionais de Microsoft, Montserrat Pardo e coa directora xeral PPD Noroeste, Loreto Sanmartín que apuntou que “as TIC son aliadas da igualdade de oportunidades” e asegurou que aínda que se dá un aumento da produtividade nas firmas nas que os postos directivos están ocupados por mulleres, “a presenza das mesmas en postos directivos e de responsabilidade non acada o 7 por cento nas empresas da nosa comunidade”.
Ademais doutros relatorios que tiveron lugar da man de importantes executivas de renome, a xornada de clausura acolleu a emisión dun documental que recollía as ideas e conclusións ás que se chegaron neste ciclo no que o reclamo a un meirande apoio á igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito social, familiar e laboral foi o tema dominante por excelencia.

PUBLICIDADE