SmartPEME pon as novas tecnoloxías ao servizo dos empresarios e autónomos da Estrada

venres, 2 de decembro do 2016 Redacción

Dende Código Cero fomos damos conta ao longo do mes de novembro do espallamento do proxecto SmartPEME pola provincia de Pontevedra. SmartPEME é un servizo encamiñado á mellora competitiva das Pequenas e Medianas Empresas (PEME), persoas emprendedoras e autónomas co obxectivo de mellorar as vendas e as tarefas, quer abrir canles de actuación e chegar a novos grupos de interese (emprendedores, asociacións empresariais e axentes de dinamización en concellos) sempre mediante as Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) e as novas tecnoloxías (redes sociais, comercio electrónico…). Desta volta, informamos da presentación do SmartPEME na Estrada, que tiña a cabo onte no Museo do Moble e da Madeira e a ela asistía o deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios así como o alcalde do concello estradense, José Carlos López Campos.
De falarmos de vantaxes, SmartPEME (herdeiro do anterior CPAE 2.0) achegará unha estratexia personalizada, amais da especialización de cada unha das oficinas segundo os sectores máis introducidos no tecido empresarial. Porén, os asesores e asesoras de SmartPEME tamén ofrecerán este servizo a todas as persoas que acudan a outra das oficinas nas que esa área non sexa a súa especialidade, establecendo un servizo centralizado entre os diversos puntos e oficinas da rede.
Nas oficinas de SmartPEME instaladas en Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo estanse a pór en marcha varias actividades: itinerarios de obradoiros temáticos adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores e asesoras, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e o impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
SmartPEME consegue que a colaboración cos concellos sexa máis estreita xa que o proxecto se oferta como un servizo propio dos municipios que axuda ás PEME, persoas emprendedoras e autónomas en aspectos como a elección do marketplace máis axeitado, un acompañamento durante o proceso de introdución do comercio electrónico, consellos sobre as ferramentas para mellorar a produtividade e a resolución das dúbidas sobre as TIC.

PUBLICIDADE