
O evento contará tamén coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e desenvolverase no Museo de Pontevedra dende as 10:30 horas. A xornada, á que poderán asistir as e os emprendedores e autónomos e as PEME da provincia, consistirá nun almorzo de traballo no que os e as asistentes poderán coñecer de primeira man os novos servizos de asesoramento TIC que poden atopar á súa disposición dentro do novo programa SmartPEME, así como escoitar as experiencias de referentes en innovación TIC no sector empresarial e estreitar relacións profesionais con demais profesionais nunha sesión de networking.
O acto máis salientable da xornada será a intervención de Elena Gómez de Pozuelo, referente en Internet en materia de emprendemento e innovación (conta con preto de 92.000 seareiros en Twitter a través do seu perfil @gomezdelpozuelo). Gómez de Pozuelo é a presidenta de ADIGITAL (Asociación Española de Economía Digital), directora executiva de varias empresas, membro do Comité Executivo e da Xunta Directiva da CEOE, presidenta da Comisión de Protección de Datos e conselleira, entre outras startups, de Womenalia, a primeira rede de networking mundial de mulleres profesionais. A súa intervención levará por título Atopar o lugar da túa empresa na nova era dixital e nela compartirá a súa perspectiva sobre como afrontar os procesos de transformación tecnolóxica.
Antes diso, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Innovación e Promoción Económica, Francisco Javier Dios, presentarán ás persoas asistentes a rede SmartPEME para deixar paso á intervención de Gómez de Pozuelo. A esta seguiranlle os relatos de diversas empresas pontevedresas que xa implantaron con éxito as novas tecnoloxías nos seus negocios.
Nas súas intervencións, os e as representantes das mesmas transmitirán as claves para acadar o éxito mediante a implantación destas tecnoloxías. Por último, as persoas asistentes poderán gozar dun café e dunha sesión de networking onde ampliar cadansúa rede de contactos con outros e outras profesionais da provincia.
SmartPEME arrinca en Pontevedra cunha xornada referencial sobre tecnoloxías e emprendemento
Compartir Este Artigo

