Situm obtén o selo de PEME innovadora
martes, 26 de xullo do 2016
A empresa
galega Situm vén de obter importantes recoñecementos ao seu labor.
Para comezar, foi quen de entrar no Rexistro de PEME Innovadora
elaborado e mantido polo Ministerio de Economía como unha listaxe de
referencia das firmas estatais con meirande máis probada capacidade
para achegar recursos e servizos avanzados e que contribúan, en
última instancia, a impulsar a economía coa fórmula do coñecemento
e a excelencia. Esta distinción, en palabras dos responsábeis da
compañía galega, salienta o traballo de Situm e a súa aposta
innovadora. A maiores, a firma informa da obtención doutro
recoñecemento: a súa participación nos programas Torres Quevedo e
Doutoramentos Industriais.
Trátase de dúas
iniciativas desenvolvidas ao abeiro do Plan Estatal de Investigación
Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016. O proxecto Torres
Quevedo permitirá a incorporación dun doutor ou doutora con ampla
experiencia ao equipo da empresa, mentres que os Doutoramentos
axudarán á formación dun investigador ou investigadora durante os
vindeiros catro anos en materia de I+D.
Estas novas distincións,
explica Situm, achegarán aínda máis enerxía ao traballo da firma
en materia de tecnoloxía avanzada “grazas á incorporación de
novos talentos”. En termos máis concretos, permitirán un meirande
espallamento da tecnoloxía de localización en interiores de Situm,
presente xa nunha manchea de aplicacións, lugares e dispositivos, co
seu obxectivo de facilitar ao máximo o día a día das persoas
doentes, dependentes ou con diversidades funcionais ou motrices.
Lembrar que a firma Situm foi escollida polo Servizo Galego de Saúde
(SERGAS) para proporcionar a pacientes, visitantes e profesionais
médicos a súa ferramenta de localización, navegación e asistencia
(en máis de 25 hospitais e centros médicos da nosa terra).