Santiago acolle en marzo unha nova edición do evento Organización 2.0

venres, 27 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

Santiago vai acoller o mes vindeiro, o día 26, unha nova edición do evento internacional Organización 2.0, na que se darán cita ducias de expertos no ámbito tecnolóxico-dixital avaliando cos nosos profesionais TIC as últimas tendencias en transformación dixital, contornas para a colaboración e empresas traballando con comunidades e redes sociais. Os relatorios corren a cargo de relatores do talle de Le Bryant, Guy Reid, Jeroen Sangers ou Xavier Orozco. Ademais, a conferencia tamén terá espazo para a exposición de casos de éxito de organizacións que xa botan man de tecnoloxías 2.0, participativas e sociais (empresas como Vodafone, Bosch, Kaleido e AtoS).
Segundo informa a organización do evento, a empresa galega Comasis, “o empresariado máis representativo de Galicia xa ten marcada en vermello esta data nas súas axendas”. De feito, engaden, o congreso Organización 2.0 está ideado cunha “clara orientación práctica” para que os asistentes poidan explorar de primeira man as múltiples posibilidades coas que as solucións 2.0 poden contribuír a un desenvolvemento máis produtivo das organizacións. A cita comezará ás 9:00 e está previsto que remate sobre das 14:30.
Para consultar toda a información de Organización 2.0 (horarios, relatores, temáticas, localización, programa), cómpre acceder á web específica do encontro, onde tamén poderemos realizar a inscrición. Por certo que as dúas primeiras convocatorias do congreso celebráronse en Vigo, a segunda en xuño do ano pasado e a primeira en outubro de 2013, na mesma cidade galega.

PUBLICIDADE