Samsung Pay celebra o seu primeiro mes en España agasallando 10 euros aos seus usuarios

venres, 22 de xullo do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro día 26 celebrarase o Samsung Pay Day, e para animar aos propietarios de smartphones compatibles co sistema de pagamentos móbiles de Samsung a facer uso desta tecnoloxía premiarán con 10 euros aos que realicen co seu móbil un pagamento igual ou superior a tal cantidade, celebrando así o primeiro mes de actividade desta solución da que xa poden gozar os clientes de CaixaBank e Abanca.
Samsung Pay leva xa preto dun ano funcionando en Corea do Sur, e está a espallarse internacionalmente, converténdose nunha das primeiras tecnoloxías deste tipo en desembarcar en España (colléndolle a dianteira a Apple Pay e Android Pay), confiando o fabricante en que antes de rematar o ano estea dispoñible coa meirande parte das entidades bancarias españolas, facilitando así o uso das nosas tarxetas bancarias sen ter que cargar con elas.
Este sistema de pagamento promete ser sinxelo e seguro, como amosan no seguinte vídeo promocional:

PUBLICIDADE