Saen á luz problemas de seguridade e deseño dos iPhone

venres, 26 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Aínda que non tivo unha grande transcendencia mediática, probablemente por estarmos en pleno verán, poderiamos considerar que Apple non tivo unha boa semana se atendemos a un par de problemas que saíron á luz do hardware e o software dos seus teléfonos, sendo o máis alarmante o que está asociado á actualización a iOS 9.3.5, que poderiamos considerar urxente, xa que, aparte de incorporar pequenas correccións do sistema (como é habitual en cada actualización) pecha un gravísimo problema de seguridade que podería considerarse escandaloso polo feito de que levase un tempo sendo explotado para realizar espionaxe.
Este curioso fallo de seguridade foi atopado o pasado 10 de agosto a través do activista de Emiratos Árabes, Ahmed Mansoon, quen recibiu unha mensaxe cunha ligazón, e ao desconfiar da mesma remitiuna a expertos en seguridade que atoparon que o mencionada ligazón aproveitaba 3 vulnerabilidade descoñecidas de iOS, instalando así un malware no terminal da vítima que permitiría un control absoluto do smartphone.
Postos en coñecemento de Apple estes problemas de seguridade, arranxáronse nuns 10 días, de xeito que os iPhone actuais que estean actualizados non padecerán a vulnerabilidade, o que debería concienciar aos usuarios na necesidade de ter ao día o seu terminal, xa que o sistema operativo do móbil recibe actualizacións por motivos que van sempre máis aló que incorporar novidade innecesarias, servindo habitualmente para mellorar a seguridade dos dispositivos ante ameazas que normalmente non chegamos a coñecer.
Nesta ocasión coméntase a posibilidade de que o software malicioso co que pretendían espiar a Mansoon estaba desevolvido por unha compañía israelita que estaría a vender esta tecnoloxía a gobernos de todo o mundo, facilitando así a intercepción de todas as comunicacións realizadas dende o smartphone das persoas ás que infectasen co seu software con independencia da aplicación empregada ou do cifrado das comunicacións (xa que espiaríase o propio dispositivo).
Xa se detectaron máis intentos de infección con este malware, polo que é bastante probable que estivese a ser empregado por éxito durante bastante tempo, e só tivesen descuberto o que acontecía ante o comportamento prudente e desconfiado dun activista (afeito a ter que facer fronte a moitas ameazas de seguridade).

Problemas de hardware nos iPhone 6/6 Plus

Máis preocupante a longo prazo parece ser o problema de hardware detectado pola xente de iFixit e que estaría a afectar a numerosos usuarios de iPhone 6 e, moi especialmente, de iPhone 6 Plus, que curiosamente serían os afectados do escándalo do bendgate, que finalmente tería demostrado sen un problema real con consecuencias bastante graves. Falamos dun problema que está a xurdir nestes dispositivos, alcumado como enfermidade táctil, que consistiría na aparición dunha banda gris que pestanexaría na parte superior da pantalla do iPhone e afectaría a sensibilidade táctil da pantalla, o que non se solucionaría substituíndo a pantalla, senón que o problema estaría na propia placa base do terminal, que normalmente arránxase cunha carísima reparación que nos EE.UU. terían que pagar os consumidores, xa que alí a garantía só cubre o primeiro ano do produto, e Apple non se estaría a facer cargo do que parece ser un defecto de fabricación do iPhone.
Dende iFixit comentan que nun servizo técnico de New Orleans están a recibir un cento de teléfonos afectados ao mes con este problema, polo que non parece que se trate de caos illados, e tras analizar profundamente o problema especulan que tanto podería tratarse dun defecto de fabricación dun chip asociado á pantalla táctil como unha consecuencia dun fallo de deseño estrutural dos teléfonos afectados, o alcumado como bendgate, e que aseguran que é o motivo máis probable (especialmente por rexistrarse moitos máis fallos no iPhone 6 Plus que no iPhone 6). Ao parecer, a facilidade para o dobrado do iPhone 6 Plus estaría a facilitar que as soldaduras de varios chips rachasen, provocando os problemas de funcionamento do teléfono (intermitentes mentres os puntos de soldadura non se separan de todo).
Dado que en Europa temos 2 anos de garantía, os afectados pola enfermidade táctil deberían recorrer ao servizo técnico en canto detecten problemas co funcionamento táctil do seu teléfono ou unha banda na parte superior da pantalla, xa que de producirse o fallo fóra de garantía requiriría unha reparación extraordinariamente cara, e Apple non parece estar a facerse responsable fóra do período de garantía do que semella consecuencia directa dun defecto de deseño ou fabricación que curiosamente estaría corrixido nos novos iPhone 6S e 6S Plus (o que dá a entender que eran conscientes de tal defecto).

PUBLICIDADE